Turismo da Coruña afina a promoción exterior coas empresas hoteleiras


O concelleiro de Turismo do Concello da Coruña e presidente do Consorcio de Turismo, Juan Ignacio Borrego, e o xerente do Consorcio, Moisés Jorge Naranjo, mantiveron unha xuntanza de traballo no Club Nordés con directivos comerciais das principais empresas hoteleiras con presenza na cidade co fin de coordinar e impulsar a promoción turística exterior da cidade herculina.

Na reunión estiveron presentes comerciais das empresas Meliá, NH Hotels, Hesperia, Attica21 Hotels, Carrís Hoteles, Ibis, Alda Hotels, Marriott, Hilton Hotels, Zenit Hoteles, AC e Eurostars Hotels.

Segundo indicou o concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, esta reunión "establécese dentro do impulso á colaboración público-privada, un primeiro esforzo para contribuír ao desenvolvemento económico tanto das empresas hoteleiras como da cidade, en liña coa estratexia do goberno de Inés Rey".

Entre os obxectivos desta xuntanza, en liña coa estratexia turística do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, están o de coordinar a difusión dos eventos con atracción turística que impulsa o Concello da Coruña así como establecer sinerxías de colaboración público-privada e materializar o apoio que as institucións coruñesas ofreceu ao sector hoteleiro durante os momentos máis duros da pandemia agora que se recupera o fluxo de visitantes.