Reabre o Museo Casa de la Troya por Semana Santa


O Museo Casa de la Troya abre de novo as súas portas ao público durante a Semana Santa. Poderá visitarse desde este venres, día 8, ata o domingo 17 de abril. O horario é o habitual, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Permanecerá aberto todos os días, agás o luns 11 e o martes 12.

Benigno Amor, director do museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo, indica que “retomamos así a tradición de reabrir por Semana Santa, que tivemos que suspender en 2020 a causa da pandemia. Para facilitar as visitas, abriremos tamén os dous domingos, de Ramos e de Pascua”.

Explica ademais que “as visitas son guiadas e teñen unha duración de entre vinte e vintecinco minutos, en grupos de doce persoas máximo”. Anima a todos os composteláns e aos visitantes a que se acheguen nestas datas a coñecer e percorrer a vella pensión de estudantes que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya.