PonteAlmorzo para os sibaritas da primeira comida do día


No seu camiño por acadar o selo de excelencia culinaria e converter á nosa cidade en Capital Española da Gastronomía 2023, o proxecto Pontevedra Capital Gastro regresa o vindeiro mes cun novo certame ao que están convocados os padais dos ‘sibaritas’ da primeira comida do día: PonteAlmorzo, un evento que recolle a testemuña do concurso Pontedetapas e que está especialmente pensado para poñer en valor, promocionar e dinamizar o extraordinario traballo desas cafeterías e bares que dan de almorzar a diario á cidade e que en moitos casos non poden participar no ‘clásico’ das tapas por carecer de cociña.

Esta edición inaugural desenvolverase entre os días 6 e 15 de maio e permitirá coroar ao establecemento hostaleiro que ofrece o ‘Mellor Almorzo de Pontevedra 2022’, cuxo responsable recibirá unha placa conmemorativa e unha masterclass (haberá unha única categoría galardoada).

A inscrición no PonteAlmorzo, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo), será gratuíta e reservada en exclusiva a locais do municipio, que terán ata o sábado 23 de abril para apuntarse a través do seguinte formulario: https://forms.gle/uDb7oD1hNhSrj9jc9. As base do certame poden consultarse na páxina de Facebook de Hoempo.