Paixón doce con requeixo e mel na miñota As Neves


A Feira do Requeixo e Mel das Neves, que vai celebrarse o días 15 e 16 de abril, abrangue un programa con propostas para o tempo de lecer, para maiores e cativos, para os amantes das tradicións, para aqueles e aquelas que queiran amosar as súa pericia culinaria ou para os e as que prefiran gozar, sen máis, da gastronomía.

Entre as actividades puramente gastronómicas citamos a xornada técnica impartida pola AGACAL "O requeixo como produto galego de artesanía alimentaria", o venres 8 de abril. O mércores día 13, Showcooking a cargo do Chef Rui Ribeiro no obradoiro da EFA A Cancela. O 15 de abril, Venres Santo (12 horas) pregón a cargo do Chef Iñaki Bretal do pontevedrés Restaurante O Eirado da Leña, galardoado cunha Estrela Michelin, seguido da entrega de premios do III Concurso de Receitas con Requeixo das Neves.

Para o sábado está programada unha xornada técnica sobre o mel impartida por Xose Manuel AlfonsoGonzález no Mercado Municipal. Tanto o venres como o sábado a apertura da feira está prevista ás 11 da mañán.

Nesta Festa de Interés Turístico de Galicia, tamén haberá tempo para a música, novas experiencias relacionadas coa elaboración do requeixo e a obtención do mel, para relacionarse coa natureza, coñecer a cultura e as tradicións deste territorio e para os apaixoados polo deporte.

As Neves, que ten polo norte a serra da Paradanta e o Miño polo sur, máis alá de disfrutar do requeixo e do mel, de lamprea en tempada nalgún dos seus restaurantes, é un lugar ideal para difrutar da natureza.

Citamos para referenza do viaxeiro ilustrado a Chan da Besada, a Lagoa de Medáns ou a Fervenza e Muiño da Ceña, onde o Río Xuliana desemboca no Miño en forma de cascada.

Dispón de áreas recreativas e praias fluviais para o lecer: Santa Mariña, Porto Maior, Guláns e Da Ceña, Porto Maior... De interés para o visitante son tamén as esculturas de Redondelo, os xacementos arqueolóxicos de Portomaior, Coto dos Castros e Castro de Altamira, así como os muiños do río Xuliana que, no tramo dende o seu nascemento á Poza do Souto, recibe o nome de regueiro de Pé da Cabeza. Tráse dun sendeiro con 13 muiños.