O Encaixe perfecto e mundialmente famoso está en Camariñas


O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participou na inauguración da trixésimo primeira edición da Mostra do Encaixe Deputación da Coruña, celebrada no pavillón Víctor Vigo de Camariñas. No acto destacou a aposta da institución provincial por este evento ao longo das últimas décadas para facer de Camariñas "unha referencia da Semana Santa en Galicia".

O presidente da Deputación sinalou que, ademáis de promocionar a nosa artesanía e tradición, a Mostra "é tamén unha homenaxe ás palilleiras, depositarias deste gran legado cultural e patrimonial, con séculos de historia que é o encaixe de Camariñas".

"Porque dentro e fóra das nosas fronteiras, dicir encaixe é dicir Camariñas", remarcou Formoso, "e iso é froito do traballo de moitas xeracións de palilleiras que soubestes manter viva a tradición. Grazas a iso, hoxe Camariñas exporta moda, vangarda, artesanía e e cultura", apuntou.

Ata o domingo 17 de abril, o municipio será a sede da Mostra, que contará cun total de 12 grandes firmas, 12 participacións da sección ArtEncaixe, 25 noveis deseñadores, o novidoso espazo de VodaEncaixe, encontros de palilleiras, os concertos de Xabier Díaz, Irma Macías ou El Combo Dominicano, música tradicional e máis.