Novo pulo ó cicloturismo como recurso para a promoción de Ourense




A promoción deportiva e turística da provincia de Ourense acadou un novo pulo coa presentación da que será a quinta edición da proba cicloturista Ourense Strade Termal que se celebrará o 30 de abril con saída no concello de Lobios.

Con este obxectivo a Xunta e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) asinaron un convenio de colaboración para a promoción, dinamización e fomento da riqueza da provincia por un importe de casi 94.000 euros, dos que o Goberno galego aporta 70.000 a través da Axencia Turismo de Galicia.

O acordo inclúe a promoción de Galicia e de Ourense na mencionada Ourense Strade Termal e tamén na Xurés Bike Tour e Ribeira Sacra Ourense Termal, programas aos que a Xunta destina 26.250 euros.

A proba Ourense Strade Termal presentada polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e polo presidente da Deputación ourensana, Manuel Baltar, permitirá que centos de ciclistas amosen ao mundo as potencialidades deportivas da provincia nunha contorna incomparable como é o parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés.