Nova marca “S Sostenibilidade Turística” impulsada polo ICTE


Galicia, como un dos territorios lider na calidade turística, acolleu unha xornada de presentación da nova marca “S Sostenibilidade Turística” e a norma técnica, impulsada polo Instituto para a Calidad Turística Española (ICTE), responsable da xestión da marca Q de Calidad Turística e os destinos SICTED. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, acompañaron ao director xeral do ICTE, Fernando Fraile, quen estivo a cargo da presentación e explicación da nova norma, orientada a empresas e organizacións turísticas. 

A sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acollía a presentación desta iniciativa, que a directora de Turismo de Galicia indicaba como unha proposta que ía no camiño adecuado. “A sostibilidade, xunto a busca da excelencia, a innovación e a dixitalización son piares sobre os que estamos a construír a recuperación do noso sectort turístico”, explicou Nava Castro, quen destacou que se está a transformar nun elemento transversal, como a calidade, xa que está sendo incorporado a todos os subsectores e por parte das empresas e organizacións do ámbito turístico, xa que é un dos elementos identificados, xunto á seguridade sanitaria, como factores fundamentais para a elección de destino por parte dos viaxeiros post covid.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que a Xunta asinou co Clúster de Turismo un convenio por importe de 700.000 euros e unha duración de dous anos para crear e comercializar novos produtos turísticos sustentables, no marc do cumprimento da folla de ruta trazada no Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, no que a sustentabilidade é un dos seus piares fundamentais, “unha sustentabilidade entendida en 360 graos, desde un punto de vista social, económico e medioambiental, que nos permita dar resposta ás novas necesidades e sensibilidades do viaxeiro construíndo novas propostas de recuperación”, explicou Nava Castro. 

A marca e a nova marca impulsada polo ICTE ofrece ás empresas do sector turístico unha ferramenta para aterrar a implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable  (ODS). Trátase do terceiro selo co que contará o  ICTE tras a 'Q' de Calidade Turística e o certificado  Safe  Tourism, presentado o 2020.