Mercado de Abastos e Concello pontevedrés meten aos nenos na cociña


O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado no Mercado de Abastos pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e destinado a nenos e nenas de 4 a 10 anos, regresa esta fin de semana cun programa de actividades moi ‘á italiana’. A oferta de talleres dará comezo o sábado 30 de abril cun obradoiro no que a rapazada terá oportunidade de elaborar pizza doce de froitos vermellos e outro no que confeccionarán uns orixinais monicreques con pinzas de madeira (pinzas lingoreteiras).

Tal e como apunta a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “a diversión continuará o domingo 1 de maio dun taller no que os máis pequenos cociñarán “un tiramisú de mazá caramelizada caseiro, san, refrescante e cheo de saber” e outro de manualidades no que realizarán “unhas fermosas bailarinas de imán para deixar notas na neveira”.

Todos aqueles nenos que desexen participar deberán reservar a súa praza previamente a través do email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao de celebración das actividades. Os talleres desenvolveranse no Gastroespazo a partir das 12:00 horas. “Que ninguén esqueza a friameira -lembra Yoya Blanco- para levar a casa as receitas cociñadas”.