Lugo será a Capital da Cultura do Eixo Atlántico en 2023


Lugo será a Capital da Cultura do Eixo Atlántico en 2023, recollendo o relevo de Braga. Así o acordaron por unanimidade este mércores os concellos de Galicia e do norte de Portugal da entidade transfronteiriza tras valorar a candidatura presentada polo Goberno de Lara Méndez nunha reunión en Guimaraes presidida polo secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao.

A alcaldesa agradeceu o apoio dos municipios e avanzou que “a elección de Lugo como sede situaranos no mapa cultural internacional o vindeiro ano e será unha fiestra aberta a riqueza cultural da eurorrexión”. Subliñou que “dende o Concello apostamos pola cultura como un dos elementos decisivos no desenvolvemento social, económico e de identidade do municipio, a través do deseño de políticas culturais, diversas e plurais e que fomenten a capacidade creativa local, en sintonía coa nosa estratexia de cidade sostible”.

Segundo Lara Méndez, a candidatura de Lugo inclúe unha “interesante proposta vinculada ao pasado e a tradición ao mesmo tempo que impulsa unha visión moderna de innovación e vangarda, cunha ampla oferta cultural que será de interese para a toda a sociedade e coa que esperamos fortalecer as sinerxias e a cooperación dos axentes culturais e sociais de Lugo cos distintos municipios galegos e lusos que pertencen ao Eixo Atlántico, como unha contribución esencial para o diálogo entre os pobos”, sostivo a rexedora.

A programación desenvolverase dende marzo a novembro e contempla non só as distintas disciplinas artísticas senón tamén unha ampla variedade de eventos, dende mostras de teatro, cine a concertos, festivais de arte urbáns e exposicións, así como actividades infantís e certames gastronómicos, entre outras propostas, que se irán concretando da man dos concellos do Eixo Atlántico. Tamén incluirá actividades xa consolidadas na cidade como o Arde Lvcvs Cultural, o Festival Internacional de Jazz ou o Caudal Fest.