Lugo abre o prazo de solicitude das axudas para impulsar o territorio das Reservas da Biosfera

A Deputación de Lugo abriu o prazo de solicitude das axudas de concorrencia competitiva destinadas a entidades sen ánimo de lucro do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionadas pola propia institución, para desenvolver actuacións e proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico das propias reservas.

Tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) este pasado luns, 18 de abril, as asociacións e entidades interesadas poden solicitar as achegas, cun orzamento total de 83.000€, ata o vindeiro 2 de maio inclusive. Pode consultarse toda a información na web da institución provincial: https://www.deputacionlugo.gal/gl/temas/medioambiente/subvencionsRRBB

Trátase dunha iniciativa que inclúe dúas liñas de actuación, a primeira dotada con 45.000€ para actividades na Reserva da Biosfera Terras do Miño e outra, por un importe de 38.000€, para iniciativas na Reserva dos Ancares Lucenses. O importe que outorgará a institución provincial será de entre 1.000€ e 7.000€ por cada proxecto. 

Os concellos que poden solicitar estas xudas son Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, as destinadas á Reserva dos Ancares Lucenses, e Abadín, Alfoz, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Muras, Ourol, Outeiro de Rei, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Rábade, Riotorto, O Valadouro, Vilalba e Xermade, no caso da Reserva da Biosfera Terras do Miño.

O pasado ano preto dunha vintena de asociacións de ambos territorios beneficiáronse destas axudas e desenvolveron proxectos que contribuíron de maneira importante a poñer en valor o territorio e a dinamizar a actividade social, cultural e económica. 

Esta iniciativa, que forma parte do Plan de Impulso de Economía da Provincia impulsado pola Deputación o pasado ano, permite fortalecer unha rede de colaboración integradora, na que os colectivos locais e entidades sen ánimo de lucro propoñan e impulsen actividades no marco dos Plans de Acción aprobados para as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.