Haberá segunda edición do proxecto ‘Gandeiras con Actitude Río’


A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou na xornada de networking coa que Carme Lence, presidenta do Grupo Leite Río, inaugurou o proxecto ‘Gandeiras con Actitude Río’ enfocado a mulleres gandeiras do sector lácteo que xorde da necesidade de previr e evitar o problema do despoboamento no rural.

"O proxecto xorde da miña propia realidade, unha muller que tiña os seus propios soños pero que tiña que polos en segundo lugar para apoiar á súa familia", explicou Carmen Lence ás asistentes. Por iso, este programa quere potenciar contornas onde a muller, neste caso do mundo rural, poida sentirse apoiada, e animala a deixar de pensar hai que "conformarse e adaptarse". Deste xeito, os obxectivos do programa son "sacar ese tempo para nós mesmas", "traballar a autoestima como clave do éxito" e "xerar un grupo de apoio", algo que este programa piloto conseguiu, "xerando seguridade e rede", engadiu.

A xornada contou coa ponente á Isabelle Gómez Rodríguez, fundadora da empresa Tralo Agro, que leva 11 anos ao mando deste proxecto de emprendemento no rural galego, centrado na venda de carne ecolóxica.  Narrou a súa experiencia nunha charla motivadora para todas as mulleres presentes.

A rexedora felicitou a Carmen Lence por “esta iniciativa tan necesaria para debater sobre a realidade dun sector no que a muller, en Galicia, está ao fronte en máis da metade das explotacións agrogandeiras, unha porcentaxe moi superior ao resto das comunidades autónomas”, e lembrou que “a pesar da escasa visibilidade, as mulleres sempre estiveron presentes e activas, xogando un papel fundamental como tractor do rural galego e para manter  súa sostibilidade. Sen mulleres no rural non hai esperanza”.

Lara Méndez animou ás mulleres presentes a “tecer redes de apoio” porque son as que “os darán forza para seguir adiante en contornas difíciles e onde aínda queda moitp traballo para conseguir a igualdade e que se recoñeza o papel feminino”.

Pola boa acollida que tivo, Leite Río decidiu darlle continuidade a esta iniciativa, cunha segunda edición na que se xerará "unha comunidade de networking para as traballadoras do rural". Ademais, "o programa organizará cada tres meses espazos de intercambio, onde as gandeiras poderán coñecer casos de éxito no sector".