Gula tudense con angulas (meixóns) tamén en Semana Santa e máis alá


A cidade de Tui asentada nas beiras do río Miño, fronte as terras irmás de Portugal, é un lugar pleno de referencias patrimoniais. A Catedral de Santa María, iniciada no século XII e coa primeira manifestación da arte gótica da península na súa portada, xunto co conxunto histórico, o segundo de Galicia en extensión, son as grandes referencias patrimoniais e turísticas da vila, xunto ao Parque Natural do Monte Aloia.

O río Miño dota a Tui dun enclave de privilexiadas paisaxes, un balcón aberto ao paraíso, escribiu Miguel de Unamuno, e regala aos tudenses e visitantes os recursos que están na base das referencias da gastronomía tudense. Dende o ano 1968 cando se inicia a primavera celebra a cidade a Festa da Angula, que no Baixo Miño se denomina meixón, que pese ao seu alto prezo segue sendo un importante reclamo na carta dos restaurantes tudenses.

Así pois, neste mes de abril, co gallo das festas de San Telmo cobran protagonismo os meixóns (crias de anguía). Dende este venres e ata o 25 de abril cinco establecementos hostaleiros tudenses ofrecerán unha ración de meixóns con pan e copa de viño a un prezo de 69 euros, previa reserva.

Trátase de Asador Paulo, El Molino, O Novo Cabalo Furado, La de Manu, e Parador de Tui, que se sumron ao formato proposto polo concello para esta edición da festa gastronómica. Paralelamente, os días 16 e 17 deste mes celebrarse o I Encontro de Viños da Raia, cvonsistente nunha cata de brancos, tintos e espumosos raianos na Praza da Inmaculada.

Non resulta menos estimulante degustar outra das raíñas miñotas: a lamprea, onde a clásica receita á bordalesa -que con habelencia preparan nas cociñas desta comarca- segue cativando os padais de tudenses e visitantes. Un abano de especialidades que podemos completar con sábella ou sabel (sábalo en castelán) nas súas diversas especialidades, pero recomendamos en especial en escabeche, ou o salmón.

Unha mesa que podemos completar cun espléndido e aromático Albariño, dalgunha das catro adegas tudenses, e uns peixiños de améndoas, elaborados polas monxas clarisas tudenses (as popularmente coñecidas como As Encerradas) herdanza de vellas tradicións sefardís.

Un paseo polas beiras do Miño, especialmente no recente barco turístico, gozando da visión enfrontada dos conxuntos históricos de Tui e Valença, unidos pola ponte metálica do século XIX, que simboliza un territorio de ampla oferta turística, tan próxima para todas as xentes de Galicia e o Norte de Portugal.