Expourense reuniu a 352 expositores o ano pasado




A pesar das limitacións propias da covid-19, os datos da Fundación Expourense relativos a 2021 amosan unha intensa actividade. O balanzo do ano de transición cara a normalidade foi dado a coñecer onte, onde se puxeron enriba da mesa a organización de sete feiras e unha ducia de eventos, que acolleron a 352 expositores e reuniron a 49.000 visitantes.

No eido da actividade deportiva as instalacións incluiron unha quincena de campionatos de atletismo que contaron con máis de 4.000 visitas e máis de 1.200 sesións de adestramento na pista.

En todo caso, ao igual que sucedeu con outros recintos feirais espallados por distintas localidades galegas, a principal novidade do 2021 de Exporense foi a súa reconversión en centro de vacinación masiva contra a covid-19 no que se administraron máis de 340.000 doses das distintas vacinas

Tendo en conta os tres eixos sobre os que xirou a actividade de Expourense durante o ano pasado (feiral, deportivo e sanitario) as cifras sumaron un total que supera as 400.000 visitas ao recinto.

A memoria de actividades 2021, ano no que o recinto feiral cumpriu 25 anos dende a súa inauguración, foi presentada este xoves nun acto no que participaron representantes das entidades que integran o Padroado da Fundación Expourense ás que hai que engadir o Concello de San Cibrao de Viñas que non puido asistir ó evento. Os datos foron presentados polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, e nel interviron o delegado territorial da Xunta en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández; o tenente de alcalde de Ourense, Armando Ojea; a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Novoa, e o coordinador de Negocio Institucional de Abanca, José Manuel Nogueira.

As sete feiras organizadas polo recinto en 2021 (Car Outlet, Ourense Vinis Terrae, Salón do Automóbil Novo, Salón do Automóbil de Ocasión, Antiq Auria, Xantar e Sportur Galicia), ás que hai que sumar as distintas accións profesionais vencelladas a Termatalia, contaron coa participación de 352 expositores. No referente á procedencia dos expositores, das visitas e dos asistentes ás actividades formativas propostas pola Fundación (ben presencial ou ben virtual), pódese falar de 45 países representados.