Expocidades reunirá en Ferrol a centos de visitantes galegos e portugueses


O Concello de Ferrol vai celebrar na cidade a fin de semana do 13 ao 15 de maio dous importantes eventos no eido cultural e turístico en colaboración co Eixo Atlántico. O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, presentaron a VII Mostra Musical do Eixo Atlántico, que terá lugar os días 14 e 15 de maio, e a sexta edición da feira turística Expocidades, que se celebrará entre o 13 e 15 de maio.

En canto á Mostra, Mato lembrou que se trata dun evento que busca recoñecer, promover, premiar e difundir a práctica e afección á música entre nenos tanto en Galicia como no norte de Portugal. Este ano participarán 39 solistas e 8 agrupacións procedentes dunha vintena de municipios entre ambos territorios.

“Chegarán a Ferrol estudantes de música de entre 13 e 18 anos e a nosa cidade estará representada por catro: dous estudantes de piano, un de tuba e outro de arpa”, anunciou o alcalde. “Por fin Ferrol vai ser anfitrioa deste evento”, que adoita reunir nunha fin de semana uns 300 estudantes de música dos municipios galegos e portugueses que integran o Eixo Atlántico, ademais de acompañantes. Os concertos terán lugar no Auditorio e no Conservatorio de Música Xan Viaño.

En canto á sexta feira turística Expocidades, que terá lugar na Praza de Armas, o alcalde anunciou que participarán 32 casetas (16 galegas e 11 portuguesas e o resto doutras cidades) nun acto que busca promover o turismo de proximidade entre as localidades e deputacións galegas e portuguesas que forman parte do Eixo Atlántico.

Trátase dun encontro que pretende “dar a coñecer as cidades do Eixo no seu mercado inmediato ao tempo que enriquecer a relación entre produtores turísticos e os propios operadores e axencias de viaxes do territorio”. En Ferrol “aproveitaremos este excelente escaparate para promover especialmente os nosos recursos turísticos, como o Camiño Inglés ou o Ferrol Ilustrado, entre outros”.