A segunda edición da Aceleradora galega de startups turísticas da Xunta de Galicia botou a andar cun acto de inauguración que reuniu por vez primeira aos 15 proxectos escollidos e ao equipo de mentores nas instalacións do programa autonómico de aceleración.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de inaugurar esta edición 2022, que está chamada a referendar con casos de éxito os destacados datos de inscrición rexistrados. Un total de 117 propostas foron analizadas polo equipo de selección, das que despois dunha exhaustiva análise e ponderación de variables, acordaron en escoller aos 15 proxectos que xa están a traballar no programa de formación.
Un total de 16 mulleres e 12 homes están detrás das distintas startups protagonistas desta edición. As 7 categorías habilitadas no programa -Camiño de Santiago, Sostibilidade, Travel Tech, Social Tech, Gastro Tech, Infrastructure Track e Turismo de litoral- contan con proxectos específicos, que tentarán ser os máis destacados para tomar o relevo dos gañadores da edición inaugural.
Deles catro pertencen á categoría Travel Tech -Boldest, Wonder Experience, Viajator e Spot Now-; tres a Social Tech -Sparelajarse, Turismo Inclusivo Ribeira Sacra e Meet Rural- dous a Camiño de Santiago -A Leira 116 e Xacobus-; dous a Gastro Tech -O Mercado da Pedra e Salmoira-, outros dous a Infraestructure Track -Hotel Escuela e Trick Track- e finalmente un á categoría de Sostibilidade -BGreen- e outro á categoría de Turismo de Litoral -Atlantic Surf Galicia-, de nova creación.
Os promotores dos distintos proxectos xa coñecen aos mentores que os guiarán durante a PreAcademia e posteriormente durante a Academia. Esta primeira fase, dun mes de duración, centrarase na creación do modelo de negocio e na viabilidade financieira do proxecto, no contacto coas empresas tractoras e na comunicación. Dela sairán só 10 proxectos que se clasificarán para o núcleo central do programa, a Academia, que se resolverá, co Demoday final e o Investors Day antes do broche de ouro da gala de entrega de premios.