As rutas en catamarán da Ribeira Sacra consolídanse como atractivo turístico en Lugo


As viaxes en catamarán que ofrece a Deputación de Lugo pola Ribeira Sacra atraeron a preto de 2.500 persoas durante a Semana Santa, consolidándose como un atractivo turístico de primeira orde para os visitantes desta comarca e da provincia. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informou deste datos, que cualificou como “moi positivos” e engadiu que “as reservas indican que a tendencia da temporada vai ser moi boa”.

As viaxes contaron con preto dun 90% de ocupación do xoves ao domingo, sendo os días nos que máis viaxeiros elixiron esta alternativa turística. O bo tempo e os días festivos axudaron a encher as embarcacións.

“Estamos notando unha tendencia á alza de viaxes en pequenos grupos, con familia e amigos, pero tamén un gran incremento de pasaxeiros internacionais, algo non tan habitual nestas datas como no verán”, destacou a Deputada. Na última tempada detectouse un cambio de comportamento no público, que agora fai plans a curto prazo e decide con menos antelación que facer no seu tempo de lecer, incrementando a reservas nos catamaráns nos días previos a facer a viaxe.