As oliveiras e o aceite en Galicia


Esta estendida a teoría de que a oliveira chegou a Galicia durante a romanización da Península Ibérica no século I. No que os romanos chamaron Gallaecia (Galicia e norte de Portugal) atoparon un clima idóneo para o cultivo da oliveira e elaboración de aceite, un produto vital para eles, pois non só o usaban na cociña, senón tamén como combustible e como base para elaborar todo tipo de ungüentos.

Son abundantes, nembargantes, os testimonios paleontolóxicos da existencia da oloveira como arbore de ampla distribución en toda a Península Ibérica durante o terciario, aínda que sexa lóxico pensar que a industria (ou protoindustria) extractiva teña a súa orixen como aportación fenicia ou romana.

Sabemos que a extracción do aceite de oliva xa a practicaban os gregos e os fenicios, pero é en Roma onde a súa produción se ampla enormemente, popularizando o seu consumo entre todas as clases sociais. Esta incipiente industria olivareira atopa en Galicia un terreo óptimo para a produción de aceites de gran calidade cos que abastecer á Hispania romana.

Sendo frecuente atopar "vidrio fenicio" na Galicia interior parece posible que, como símbolo de hospitalidade, os visitantes ofreceran aceite ou plantas de oliveiras ás autoridades das tribus. Hai testemuñas da existencia de pías de pedra rectangulares que se corresponden con estructuras de recollida e primeira decantación do aceite extraido por extrusión ou pisado.

Non se sabe con certeza os motivos do descenso do número de oliveiras en Galicia nos séculos escuros da Reconquista. Cóntase con frecuencia, aínda que sen referencias documentadas, que foron os Reis Católicos os que mandaron talar os oliveirais galegas para favorecer a produción da oliva nos territorios reconquistados ao Al-Andalus, e tamén en represalia por ser o Reino de Galicia partidario de Juana la Beltraneja e polas revoltas Irmandiñas, o que Castelao definía como doma e castración de Galicia.

Aínda que podería parecer máis verosímil o emprego de incentivos fiscais que protexesen a outras rexións produtoras, como os promovidos polo Conde-Duque de Olivares, valido de Felipe IV, e recoñecido produtor de aceite de oliva da provincia de Sevilla.

Si así fora, Frei Martín Sarmiento a mediados do S.XVIII non afirmaría que a producción de aceite das oliveiras galegas podería abastecer toda a poboación galega da época, sobre a base de observacións directas uns cantos decenios despois do pasamento do Conde Duque.

Segundo a investigadora do CSIC e xefa do Grupo de Viticultura e Olivo da Misión Biolóxica de Galicia, Carmen Martínez, o Conde-Duque de Olivares impuxo sobre as oliveiras galegas un imposto de catro reais por árbore cultivado en Galicia. Deste xeito conseguería que aquelas persoas que non poideran facer fronte á taxa tiveran que arrincar as súas prantacións.

Esas trabas administrativas, que non representarían o cese da actividade, unidas á expansión de novos cultivos, que proporcionaban uns rendementos moito máis altos nunha economía na que imperaba o minifundismo, levaron seguramente a que o cultivo das oliveiras fose desaparecendo.

Abunda ao respeito o biólogo e profesor quirogués, experto en aceite, José Espinosa, que “pode ser factible que se abandonaran en beneficio doutros producións máis rendibles, pois é patende é a proliferación de novos cultivos que como a pataca e o millo aclimatáronse doadamente a entornos agropecuarios galegos, podendo competir polo espacio con outras especies ou variedades menos rendibles. De feito, unha das utilidades da explotación porcina é a producción con alto rendemento de grasa alimentaria”.

As oliveiras que lograron sobrevivir, sobre todo na Ribeira Sacra e Quiroga-Bibei e Valdeorras, pasarían desapercibidos. "Hai zonas boscosas, por exemplo en Quiroga, onde están mesturadas cos madroños, castiñeiros e outras especies pero segundo faise limpeza, vanse atopando as oliveiras centenarias", indica Carmen Martínez.

De feito, nas zonas máis afastadas das ribeiras do Sil e do Bibei seguiuse elaborando aceite de oliva, mantendo viva unha tradición milenaria que chegou ata os nosos días. Así o testemuñan os vellos muíños de aceite (na foto muiño de aceite do Mueso Etnográfico de Quiroga) que se conservan nas zonas de Galicia de maior tradición olivareira e o legado dunhas variedades autóctonas, aínda en proceso de catalogación, como a Brava e Mansa, que paga a pena preservar, potenciar e gozar.

Precisa José Espinosa que “a tecnoloxía extractiva mantívose no periodo protoindustrial do muiño de viga, sin incorporar os avances tecnolóxicos observados en outras comarcas (enerxía hidráulica no Río Áncora ou a prensas de tornillo ou hidráulicas de Pascal en Francia e Andalucía), estado no que se mantivo ata a incorporación a partires dos anos oitenta das prensas centrífugas que, con pequenas modificacións, son o eixo central da tecnoloxía actual”.

Hoxe, na segunda década do século XXI seguen aparecendo oliveiras centenarias escondidas entre masas boscosas e que están a ser recuperadas. Esa é a razón que leva ao biólogo quirogués, profesor e experto en aceites, José Espinosa, a imputar o declive da oliveira en Galicia á emigración, ao progresivo despoboamento de rural e ao pouco rendemento que sacaban os agricultores locais ao aceite que o vendían a baixo custe aos arrieros maragatos.

As oliveiras e a produción de aceite está a rexurdir en Galicia e mesmo dende Quiroga, que foi o reduto oleícola galego, están a impulsar unha denominación de orixe protexida para os ouros líquidos desta comarca luguesa que, en calquera caso, e sin menoscabo da producción doutras comarcas, contribuen ao incremento da oferta gustativa da que pode dispoñer a arte culinaria.