A Xunta pon en marcha o Observatorio da cadea alimentaria



O Consello Agrario de Galicia avaliou o inicio da posta en marcha do observatorio da cadea alimentaria da nosa comunidade.O titular da Consellería de Medio Rural, José González, explicou que este instrumento da Xunta ten como principais finalidades mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, procurar un maior equilibrio e transparencia nas relacións entre os diferentes operadores e fortalecer o sector produtor, con vistas a conseguir uns prezos xustos, que sempre cubran os custos de produción.

Neste sentido, José González destacou que o principal obxectivo do observatorio será “facer efectiva a prohibición da venda a perdas” nos sectores primarios. Para iso, engadiu, emitirá informes “de xeito autónomo, independente e eficiente” para determinar os custos de produción. Deste xeito, sinalou o conselleiro “teremos o mecanismo que nos permitirá logo pedirlle a todos os elos da cadea de valor que cumpran a normativa”.

O conselleiro avanzou ademais que proximamente está prevista a posta en marcha da Axencia de Información e Control Alimentarios de Galicia, a AICA galega. Farase mediante a modificación da estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, creando esta unidade dentro da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, con fin de reforzar o labor do observatorio en materia de control.