A Semana Santa de Viveiro como reclamo turístico en pleno Xacobeo 21-22



O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo un encontro co presidente da Xunta de Confradías de Semana Santa de Viveiro, José Veiga, para seguir avanzando na dinamización desta celebración, que conta desde 2013 coa declaración como Festa de Interese Turístico Internacional.  Ao encontro tamén asistiu o vicepresidente da entidade, José Luis Couceiro, e a presidenta da Irmandade de Santa Cruz, María del Carmen López. 

Na reunión, o vicepresidente primeiro garantiu a renovación da colaboración da Xunta nesta celebración, tendo en conta que este ano retomaranse as actividades despois do parón debido á pandemia do coronavirus. Ademais, supón un reclamo turístico en pleno Xacobeo 21-22 e axuda a poñer en valor un evento clave na oferta diferenciada do turismo galego.

Nesta liña, confía en que se cumpran as boas perspectivas turísticas para Semana Santa debido ao impacto turístico desta festividade. 

O Goberno galego apoia o traballo das confrarías galegas para manter as tradicións e que convivan co presente, ao tempo que se converten, coma neste caso, en importantes reclamos turísticos ao atraer cada ano a centos de visitantes para participar nas procesións e actos relixiosos. 

A Xunta mantén así o seu compromiso coas celebracións da comunidade pola súa capacidade para potenciar os valores que diferencian a Galicia como destino turístico. No caso das declaradas de Interese Turístico reciben ademais apoio económico por parte da Administración autonómica para colaborar na súa difusión.