O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, supervisou acompañado do alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, o avance das obras do primeiro tramo da Vía Verde, que discorre nos concellos de Cerceda e Tordoia.
Formoso subliñou o diálogo e colaboración da Deputación co "Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, o IDEA, a Fundación do Ferrocarril e os concellos para crear a que será a maior Vía Verde de Galicia e a primeira da provincia da Coruña".
Pola súa banda, o rexedor do municipio, Juan Manuel Rodríguez, sinalou que o proxecto "é un recurso extraordinario, que ofrecerá unha conexión non motorizada con Santiago e a oportunidade, nun futuro, de enlazar tamén coa Coruña". O alcalde sinalou a importancia "dun marco de colaboración entre os distintos Concellos e actores para o mantemento" da Vía para que "sexa un recurso atractivo" que repercuta na economía de Cerceda.
Este é o primeiro tramo dos tres dos que disporá a primeira Vía Verde da provincia da Coruña, que unirá os municipios de Santiago e Cerceda a través dun itinerario de 36,5 quilómetros que poderá realizarse a pé ou en bicicleta sobre as antigas vías do ferrocarril. O proxecto conta cun orzamento de preto de 2 millóns de euros cofinanciados polo ente provincial e os fondos europeos FEDER.
O trazado deste primeiro percorrido discorre polos termos municipais de Tordoia e Cerceda, e está dividido en tres subtramos. O primeiro desenvólvese en Tordoia, entre os quilómetros 23+570 e 26+040. O segundo subtramo arrinca no quilómetro 28+100, no límite entre os concellos de Ordes e Cerceda, rematando en Xesteda, onde, debido á interrupción do trazado por mor da liña de alta velocidade, a senda apártase e continúa a través de camiños e estradas locais. Por último, o derradeiro subtramo, discorrerá en paralelo ao rego de Tourío, comezando no quilómetro 34+400 e rematando no 36+850, no ramal de Meirama.
Actualmente, xa están executadas as bases da senda e os pavimentos, e nos vindeiros dous meses prevese rematar as tarefas cos novos regos asfálticos, a instalación de nova sinalización e a disposición de mobiliario. Na estación de Queixas-Ledoño tamén se levará a cabo o acondicionamento da área de descanso que se instalará na zona. Para construír este tramo de Vía Verde, acondicionaranse 8.460 metros de plataforma ferroviaria.
A iniciativa forma parte da aposta do ente provincial por un novo modelo de mobilidade sostible na provincia coruñesa. "Este investimento non vai quedar aquí, é dicir, intentaremos seguir implantando este novo modelo de mobilidade, de promoción do turismo e da economía da contorna", argumentou Formoso.
Así pois, a Vía Verde permitirá darlle unha segunda vida á rede ferroviaria abandonada, creando unha alternativa segura para a circulación de ciclistas e camiñantes. González Formoso destacou tamén a capacidade vertebradora que terá esta vía nos núcleos rurais polos que discorre.
No marco da visita a Cerceda, o alcalde tamén agradeceu o traballo que realizou nos últimos anos a Deputación co goberno de Valentín González Formoso. "Desde que Formoso está na presidencia, este concello recibiu máis de 9 millóns de euros. Máis de 400.000 euros en emprego, máis de 5 millóns en obras proxectadas polo Concello, máis de 2 millóns en vías provinciais e, aproximadamente, 1,3 millóns en subvencións para entes e asociacións".