A Deputación de Lugo lanza a segunda edición de Actívate


A Deputación de Lugo presentou a segunda edición do programa Actívate, unha iniciativa a través da que a institución provincial ofrecerá en 26 concellos da provincia durante as fins de semana de abril a xullo actividades gratuítas para todos os públicos vencelladas ao turismo deportivo e de aventura, como sendeirismo, surf, piragüismo, kaiak, vela, trekking, escalada ou equitación.

A programación inclúe 26 actividades que se desenvolverán noutros tantos concellos de toda a provincia. Son todas propostas ao aire libre, en plena natureza, como por exemplo, sendeirismo, surf, piragüismo, kaiak, vela, trekking, escalada ou equitación. “Estas son só algunhas das alternativas, pero haberá moitas máis, que servirán para desfrutar do noso mar, da montaña, dos nosos sendeiros, dos monumentos e dos ríos dun xeito diferente”, subliñou o Presidente.

As persoas interesadas en participar nas dúas primeiras actividades, que terán lugar o 30 de abril e o 1 de maio, poden inscribirse na páxina web http://inscricions.deputacionlugo.org. Para máis información, poden enviar un correo electrónico a activate@deputacionlugo.org ou chamar ao teléfono 982.26.02.35. As inscricións ás seguintes actividades abriranse progresivamente todos os venres, cunha semana de antelación, ata completar o calendario.