A Deputación de Lugo apoia a Festa da Filloa de Muimenta


O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a presidenta da Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, Dolores Darriba Lamela, asinaron este martes no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración para impulsar a XXXI Festa da Filloa de Muimenta cunha achega de 3.000 euros da institución provincial. No acto de sinatura tamén estivo presente o xerente do colectivo, José Manuel Rus.

Tomé Roca destacou que esta cita declarada Festa de Interese Turístico de Galicia volverá o día 1 de maio para poñer en valor este manxar, pero tamén haberá expositores de artesanía e actividades durante toda a xornada no recinto feiral Manuel Vila.

A institución provincial apoia esta festa gastronómica que se celebra dende o ano 1992 e que significa toda unha xornada de convivencia entre a veciñanza e persoas que se achegan ata esta parroquia de Cospeito para renderse a este produto típico galego que elaboran filloeiros filloeiras de todas as xeracións.