XXXV Asemblea Anual da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou na XXXV Asemblea Anual da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago (FEAACS) o traballo desta organización durante 35 anos na promoción das distintas rutas xacobeas que percorren toda España e a súa importante contribución á reactivación da peregrinación a Galicia neste Xacobeo 21-22. Así, asegurou que terán un papel clave para axudar ao despegue do Camiño de Santiago a nivel internacional coa chegada de peregrinos de todo o mundo que ata agora, debido á pandemia, non puideran camiñar a Galicia. 

Deste xeito, recoñeceu que coa súa actividade as asociacións que forman parte desta federación axudan a manter o espírito tradicional das peregrinacións prestando apoio aos peregrinos a través da figura dos hospitaleiros voluntarios, ao mesmo tempo que defenden a conservación dos itinerarios xacobeos e a difusión do fenómeno e a cultura xacobea. Cos mesmos obxectivos traballan as 34 asociacións de amigos do Camiño de Santiago da comunidade galega, algunhas delas integradas tamén na FEAACS. 

“Sodes os nosos ollos no Camiño e a voz e a primeira cara amable que se atopan os peregrinos cando chegan a Galicia e, por tanto, os mellores embaixadores da ruta”, sinalou o vicepresidente primeiro. Por iso, incidiu no compromiso da Xunta para apoiar a actividade de promoción da federación ademais de colaborar en distintos programas conxuntos de formación. 

Alfonso Rueda animou ás Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago representadas pola FEAACS a continuar coa promoción do Camiño de Santiago para neste segundo ano deste Xacobeo, invitar a camiñar a Galicia a peregrinos de todo o mundo a camiñar a Galicia e desfrutar do Ano Santo Dobre. Así, confía que grazas á reactivación da peregrinación internacional se manteña a tendencia do ano pasado, no que se superaron tódalas expectativas con case 180.000 Compostelas respecto ás 140.000 previstas. 

A Xunta continuará co reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade que permitiu e cun Camiño seguro que permitiu acadar en 2021 esas boas cifras, ademais de apoiar a través do Plan Camiña ao sector turístico na súa reactivación. Segundo o vicepresidente primeiro, o modelo de turismo tranquilo e non masificado en contacto coa natureza encaixa co que están a demandar turistas e peregrinos no novo contexto postpandemia e que tamén poden atopar no Camiño de Santiago.