Voltan “En Ruta coa Depo” e “Depotermal”

A Deputación de Pontevedra segue a avanzar para retomar dous dos programas sociais con maior participación da cidadanía, “En Ruta coa Depo” e “Depotermal”, que neste 2022 volven despois dun parón de dous anos debido á pandemia. En total, ambas iniciativas ofrecerán este ano preto de 25.000 prazas para que a veciñanza poida participar en rutas por lugares emblemáticos da provincia e en estadías en distintos establecementos de termalismo.

 “En Ruta coa Depo” ofrece ás entidades e asociacións a posibilidade de realizar rutas por lugares emblemáticos da provincia, acompañadas por unha persoa guía de turismo e incluíndo xantar e transporte. O Goberno vén de aprobar o expediente para contratar a xestión deste programa, cun máximo de 20.000 prazas, e ao mesmo tempo a Deputación tamén está a tramitar as 332 solicitudes que colectivos de 47 concellos da provincia fixeron xa para participar en algunha das 32 rutas ofertadas. Unha vez cubertas as prazas, o resto das solicitudes quedarán en lista de agarda.

Do total de prazas ofertadas, 400 son gratuítas para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social. No resto, o custo da praza é de 34,86 euros, cofinanciado pola Deputación, de maneira que cada participante achegará a cantidade de 13,50 euros. Hai que destacar a grande aceptación deste programa, do que desde 2016 se beneficiaron máis de 75.000 persoas.

No que respecta a “Depotermal”, que ofrece un total de 4.434 prazas, xa está adxudicada a xestión deste programa de termalismo social, no que se invisten 111.601 euros. Está destinado a persoas maiores (nacidas antes de 1972), pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65%, amais de persoas que precisen dun respiro familiar.  Das citadas 4.434 prazas, un total de 1.248 serán para a opción de asistencia diúrna a balnearios, talasos ou spas durante cinco mañás ou tardes consecutivas. E destas, 186 serán prazas reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social. Por outra banda, ofertaranse 3.186 prazas para a opción con pernoita e réxime de pensión completa de domingo a venres, das que 124 serán tamén reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social. 

Unha vez se publique no BOPPO a adxudicación do servizo, as persoas interesadas terán un prazo de 15 días para presentar a súa solicitude nun formulario na web da Deputación que poden presentalo electrónica ou de xeito presencial. A Deputación ten tamén un rexistro de 53 concellos adheridos ao plan, que facilitarán ás persoas a realización dos trámites e axudas. Este rexistro está aberto á incorporación de novos concellos. Desde o ano 2015 teñen participado neste programa de termalismo un total de 12.121 persoas.