Tres novos documentais para a promoción turística da provincia de Lugo

A Deputación de Lugo lanza unha nova vía para a promoción dos recursos turísticos da provincia coa edición de tres documentais temáticos, centrados no turismo científico, na gastronomía e no Camiño de Santiago.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, explicou que a institución decidiu impulsar a producións destes traballos audiovisuais, cunha duración aproximada de 50 minutos cada un, para seguir “contribuíndo a potenciar o sector turístico na provincia e a dinamizar a súa actividade a través do modelo polo que apostamos dende a Deputación, un turismo sostible, de calidade, que pon en valor o noso patrimonio, tanto natural, como cultural ou gastronómico, e que crea emprego, sobre todo no rural”. 

Para arrancar a súa difusión, García Porto avanzou que os novos documentais serán enviados a todos os institutos públicos da provincia e tamén aos sete centros de atención a maiores cos que conta a Deputación para que poidan utilizalo como recurso ao redor do que traballar nas aulas e nas propias residencias. “Máis alá de futuras accións de difusión, parécenos unha boa fórmula poñer a disposición dos centros educativos e das residencias este material para seguir dando a coñecer a inmensa e variada riqueza patrimonial coa que contamos na nosa provincia entre os propios lucenses, algo que xa estamos a facer con outra iniciativa tan importante como é o programa Coñece a túa Provincia, do cal arrancaremos a segunda tempada a vindeira semana e co que buscamos precisamente a dobre finalidade de fomentar o coñecemento da riqueza patrimonial da provincia entre a propia veciñanza e apoiar a actividade dos sectores hostaleiro, turístico e comercial, dos máis prexudicados pola pandemia”.

Os audiovisuais

A Deputación financiou a produción de tres documentais centrados en aspectos de especial relevancia para o turismo da provincia: A gastronomía na provincia de Lugo, Rutas científicas pola provincia de Lugo e Os Camiños de Santiago na provincia de Lugo. O primeiro centra o foco nos produtos, pero tamén na xente que os traballa, coa presenza de profesionais como a Asociación de Cociñeiros de Lugo. Por outra banda, percórrense as diferentes rutas científicas que existen no territorio, como a Serra do Xistral, o Xeoparque Montañas do Courel ou as xeorrutas pola costa Cantábrica. En canto ao documental en torno ao Camiño de Santiago, dá a coñecer as rutas xacobeas a través dos propios peregrinos, especialistas nestes itinerarios e os propios lucenses, e amosa a riqueza dos diversos camiños oficiais e rutas alternativas que percorren a provincia de Lugo.