Ternera Gallega e Vaca Galega expoñen as súas carnes certificadas en Meat Attraction


As carnes certificadas Ternera Gallega e Vaca Galega expoñen por primeira vez as súas carnes certificadas en Meat Attraction que está a celebrar a súa cuarta edición entre este martes e mañá xoves en Madrid. As pezas de Ternera Gallega e de Vaca Galega exhíbense en colaboración con Carnimad nun novo espazo da feira, The Butcher´s Shop, que se inaugura este ano como unha zona exclusiva para a carne e os seus derivados, co obxectivo de poñer en valor o oficio da carnicería.

Neste stand inédito, as IXP expoñen todas as pezas dunha media canal de Ternera Gallega Suprema, tanto as máis tradicionais como as singulares ou menos coñecidas, ademais doutras de Ternera Gallega e diferentes cortes de Vaca Galega, para amosar aos profesionais do sector a calidade e a versatilidade do produto certificado.

Todas as pezas expostas foron elaboradas polos alumnos de Educarne, Centro de Formación, Innovación e Desenvolvemento do sector cárnico, vinculado a Carnimad, asociación que engloba a máis de 1.300 profesionais do comercio especializado da carne. Como apoio á súa formación, os estudantes traballaron directamente coas carnes certificadas de Ternera Gallega e Vaca Galega despezando e preparando os seus distintos cortes.