Terceira edición dos premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense

 


A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a convocatoria e as bases da terceira edición dos premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense e ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense. Como novidade, e de forma exclusiva, a institución provincial inclúe unha terceira modalidade enfocada ao Turismo Sostible.

A Voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, explicou que “esta nova categoría dos premios, que foi aprobada previamente polo Consello Provincial de Turismo, enmárcase dentro das accións que levaremos a cabo como antesala do evento Copa España Creativa - Fórum Lugo 2022, do que somos anfitrións despois de gañar este certame o pasado ano por un proxecto de recuperación e posta en valor de soutos na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá”. 

Co Premio Turismo Sostible, asegurou a Deputada, “buscamos recoñecer as iniciativas que, dentro da provincia de Lugo, contribúan a acadar a sustentabilidade turística no eido social, económico e medioambiental”.

En canto aos premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense e ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense manteñen as bases das edicións anteriores para recoñecer unha traxectoria profesional exemplar ou proxectos e iniciativas concretas no eido do turismo e da gastronomía.

García Porto sinalou que “estes recoñecementos son unha medida máis que promovemos para apoiar, poñer en valor e visibilizar o traballo e a calidade do sector turístico e hostaleiro da nosa provincia, algo especialmente necesario e importante nestes momentos”.

Poden presentarse persoas físicas ou xurídicas, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional que destaquen nalgunha das tres modalidades e que teñan repercusión positiva no turismo ou na gastronomía a nivel provincial ou nunha zona específica. As candidaturas poderán ser presentadas a título individual ou por unha terceira persoa co consentimento expreso do candidato ou candidata.

O xurado estará composto polos representantes do Consello Provincial de Turismo, que, nunha sesión extraordinaria, fallará tres premios nas categorías Lugo Cambia ao Turismo Lucense e ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense, respectivamente, e un único premio no caso da categoría de Turismo Sostible. Na valoración das candidaturas terase en conta a aportación da iniciativa ao desenvolvemento turístico, a singularidade da proposta e a repercusión positiva sobre a imaxe da provincia.

Os galardóns, con carácter honorífico, serán entregados o 27 de setembro nun acto público coincidindo co Día Mundial do Turismo. Como nas dúas edicións anteriores, os galardóns, con carácter honorífico, consistirán nun diploma acreditativo e nun agasallo, que será unha peza de artesanía tradicional da provincia. 

Está previsto que as bases desta nova edición do certame se publiquen no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o próximo xoves 31 de marzo e, as persoas ou entidades interesadas, contarán con 75 días naturais para formalizar a solicitude, isto é, ata o día 14 de xuño”, apuntou García Porto.