Saborea a túa provincia contará cun orzamento de 100.000€ da Deputación de Lugo


A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a segunda edición do programa Saborea a túa provincia, unhas xornadas gastronómicas e lúdicas coas que busca promocionar e incentivar o consumo dos produtos de proximidade, como fórmula para dinamizar a economía dos concellos e para axudar na recuperación da hostalería, do turismo, do comercio e dos pequenos produtores, que viron moi mermada a súa actividade pola pandemia.

“Este programa tamén nos axuda a seguir consolidando o modelo de turismo polo que apostamos dende a Deputación de Lugo para favorecer o desenvolvemento socioeconómico da provincia: un turismo de calidade, sostible, non masificado, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego, especialmente no rural”, explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen subliñou que a pasada edición tivo moi boa acollida, con máis de 200 visitantes en cada localidade.

Igual que o ano pasado, o Saborea a túa Provincia celebrase ao longo do mes de agosto de xeito itinerante en 9 concellos da provincia e contará cun orzamento de 100.000€. A diferencia da edición do 2021 terá un formato máis dinámico, con programacións de media xornada, pero mantendo os principais atractivos do Saborea: a música, as demostracións culinarias, as degustacións e as actividades para os máis pequenos.