Programa do ciclo de concertos Con Voz de Muller 8-M

A Deputación de Lugo arranca este venres o ciclo de concertos Con Voz de Muller 8-M en Vilalba coa actuación de Laura LaMontagne & PicoAmperio no auditorio municipal Carmen Estévez ás 20:00 horas. Esta actuación forma parte desta nova iniciativa organizada por primeira vez este ano pola institución, que pretende achegar aos concellos da provincia música en feminino con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora cada 8 de marzo. 

A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro García, anima á veciñanza da Terra Chá e do resto de comarcas da provincia a unirse a este concerto que será gratuíto. Incide nas súas palabras que obxectivo deste ciclo é “sensibilizar, romper estereotipos e favorecer a visibilización e o empoderamento das mulleres a través da música de mulleres con voz propia que cantan e expresan os nosos dereitos a través da música, como o fan os catro grupos que eliximos para o cartel”. 

Loureiro pon o foco en que “cada vez máis temos máis voces no noso panorama musical mulleres que fan música con linguaxe propia, que lle poñen letra á nosa realidade e  reivindicacións, que falan das diferentes formas de querer, e que son o exemplo de como xuntas somos máis e mellores”. 

Nas súas palabras, a Deputada de Muller e Igualdade recalca que dende a Deputación “pensamos en actividades e horarios para un público familiar e xente nova”. “Cremos que pode ser interesante que os nosos pequenos e pequenas veñan, porque a música é expresión, liberdade e emoción, e a música serve para conmover e remover conciencias”, indica. 

Laura LaMontagne & PicoAmperio

Laura LaMontagne comeza o seu proxecto con PicoAmperio (DJ e produtor) en xullo de 2019 entre Santiago de Compostela e Lugo. Viñan de experiencias moi dispares. Pedro (Teo, 1995) participou do colectivo Hip Hop Ateneu e dos grupos Pura Mestura e Furnier. Mentres, Laura (Lugo, 1993) experimentou nos recitais de poesía de Compostela, en concertos en solitario e noutros proxectos previos dos que formou parte. Melodías suaves, bucles vocais, percusións marcadas e atmosferas rascadas son elementos esenciais da súa particular expresión artística. Na súa proposta mesturan música medieval galaico-portuguesa, ambiente hip hop e poesía, poñendo especial atención nas obras de Martín Códax, Airas Nunes, Rosalía de Castro e Luz Fandiño. Unha listaxe á que en 2021 se suma a poeta Xela Arias, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

Programa ciclo Con voz de muller 8-M

A Fonsagrada - Concerto de Uxía

Data: Sábado, 5 de marzo, ás 20.00 horas

Lugar: Salón de Actos dos Chaos


Taboada - Concerto de De Vacas

Data: Sábado, 5 de marzo, ás 19.00 horas

Lugar: Praza Riazón


Barreiros- Concerto de Habelas Hainas

Data: Domingo, 6 de marzo, ás 19.00 horas

Lugar: Centro Sociocultural Manuel Díaz Sampedro