Máis dun cento de profesionais entre turoperadores, xornalistas, prescriptores e autoridades déronse cita no Pavillón Pavillon Wagram da capital francesa no acto oficial de presentación do Xacobeo 21-22 neste país veciño. Despois das presentacións en Portugal e Italia, trátase do terceiro país europeo onde se leva adiante este acto simbólico, co obxectivo de poñer en valor a celebración deste Xacobeo especial.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no evento acompañada de autoridades e representantes da Embaixada de España en Francia, do Consulado, da Oficina Española de Turismo (OET) en París e da delegación permanente de España ante a Unesco, ademais do presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, e dunha representación de empresarios galegos.
No acto, Nava Castro puxo en valor os históricos e firmes lazos que unen Francia e Galicia: “Mil douscentos anos unen Galicia e Francia a través do Camiño de Santiago, un vínculo que resistiu guerras, prohibicións e pandemias”, destacou a directora de Turismo de Galicia, ao tempo que lembrou que foi precisamente en París onde en 1950 impulsábase a primeira asociación xacobea do mundo, a Asociación de Amigos de Santiago de Compostela de París, herdeira das confrarías medievais de peregrinos.
“Non é casual que sexa o Francés o primeiro itinerario que foi recoñecido como Patrimonio Mundial pola Unesco desde 1993 nin que siga sendo o itinerario máis recoñecido e transitado de todos os que conforman o Camiño de Santiago”, explicou a directora de Turismo.
Workshop coa turoperación francesa
Ademais de servir para por en valor o enorme potencial do Camiño de Santiago para o fomento non só dos valores espirituais, senón tamén como elemento de integración europea e como espazo de encontro para a cultura e para o cultivo das relacións humanas e a celebración do Xacobeo como un momento excepcional para experimentar o Camiño, o evento celebrado en París tamén incluíu a celebración dun workshop no que participaron medio cento de turoperadores franceses co obxectivo de dar a coñecer a oferta turística coa que conta Galicia no marco da celebración deste Xacobeo 21-22.
O encontro permitiu á turoperación francesa coñecer as experiencias turísticas vinculadas ao Camiño nunha iniciativa que contou coa participación do Clúster Turismo de Galicia xunto con representantes de 10 empresas galegas especializadas neste ámbito.
Promoción internacional
Con este novo acto de presentación internacional do Xacobeo 21-22, o Goberno galego segue a darlle un pulo á promoción da celebración do Ano Santo fóra das nosas fronteiras, ao tempo que se reforza a presenza da oferta turística de Galicia en Francia, o quinto país emisor de peregrinos estranxeiros no Camiño de Santiago representando entre o 2% e o 3% de todos os peregrinos que anualmente recollen o seu certificado de peregrinación.