Posta en valor do claustro o Convento de Herbón

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitaron o Convento de Herbón, onde a actuación do Goberno galego permitiu abrir ao público a zona máis antiga deste conxunto declarado Ben de Interese Cultural no ano 2013. 

Así, tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, os traballos impulsados pola Xunta centráronse na recuperación do claustro, a peza de maior antigüidade deste conxunto da primeira metade do século XVII, ao que resultaba imposible acceder con seguridade. “A intervención non só favorece a posta en valor dun dos bens máis senlleiros do Camiño Portugués e da comarca de Santiago de Compostela, se non que ademais permite dotar dunha nova vida ao claustro de cara ao seu uso cultural”, salientou o conselleiro. 

Neste senso, Román Rodríguez celebrou a transformación de ambos andares deste espazo que se renovou totalmente recuperando o seu aspecto orixinal e mellorando a súa funcionalidade e accesibilidade. “O patrimonio cultural é unha das grandes riquezas de Galicia e a nosa obriga é garantir a súa conservación para que poida ser legada e aproveitada pola cidadanía”, engadiu antes de destacar o firme compromiso do seu departamento con aqueles bens que, como o Convento de Herbón, están situados ao carón da Ruta Xacobea. 

No marco do proxecto de conservación levado a cabo neste inmoble, ademais de renovar as cubertas e o forxado de piso do claustro, tamén se mellorou a súa accesibilidade promovendo un circuíto que une este espazo coa zona da igrexa. Así mesmo, limpouse o rexuntado da cantería dos muros, restauráronse as carpintarías exteriores e elimináronse os elementos discordantes. Por último, aplicouse un tratamento á madeira fronte aos xilófagos e repasáronse todas as xuntas do pavimento.

Fundado no ano 1396

O complexo de Herbón foi fundado no ano 1396 e desde entón pasou por varios usos e etapas que van desde o colexio de misioneiros e seminario ata o convento, centro educativo e residencia da comunidade franciscana. Na actualidade, presenta un estado de conservación diverso e mentres que a igrexa e a residencia dos frades se atopan en bo estado, o claustro, zona na que se centraron as actuacións da Xunta, presentaba un estado deficiente. Ademais do claustro, no convento tamén destaca a fonte de San Bieito, que verte auga polo peito, así como o altar con obras de Benito Collazo, Gambino, José Ferreiro ou Puente.