Posta en valor da ponte romana de Augapesada, no Camiño Fisterra-Muxía


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do alcalde de Ames, José Blas García, visitaron as obras de embelecemento no Camiño Fisterra-Muxía ao seu paso por este muncipio e que supuxeron a recuperación e posta en valor da ponte romana de Augapesada e da súa contorna, un recurso turístico declarado BIC no que se investiron algo máis de 24.000 euros, dos que a Xunta asumiu 15.000.  

A obra fíxose ao abeiro da liña de axudas do Goberno galego para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopan na contorna do Camiño de Santiago, que ven de convocarse de novo. Dotada co mesmo importe que o ano pasado, 1,5M€, os beneficiarios poderán ser municipios ou particulares que deberán solicitar a axuda a través da sede electrónica da Xunta antes do 23 de marzo, puidendo optar a unha subvención de ata o 75% do investimento subvencionable ata un máximo de 15.000 euros no caso de concellos e ata 10.000 euros para as solicitudes de particulares.

Tal e como lembrou a directora de Turismo de Galicia durante a súa visita a Ames, coa convocatoria desta axuda, a Xunta mantén a súa aposta por ofrecer a mellor imaxe do Camiño e de Galicia en xeral neste Xacobeo 21-22 no que “avanzamos nun Camiño mellor sinalizado, con máis puntos de descanso e de acollida, máis accesible e sostible e tamén máis seguro, co obxectivo de seguir dicindo a España e ao resto do mundo que é tempo de camiñar a Galicia e que Galicia é un destino seguro”.

Camiño Fisterra-Muxía

O Concello de Ames foi un dos 31 municipios que se beneficiaron desta liña de axudas na convocatoria do ano pasado, aos que se suman 56 particulares, o que permitiu executar actuacións en todos os interarios e nas catro provincias galegas.

No caso do Concello de Ames, os traballos consistiron na limpeza, retranqueo e recuperación da ponte romana de Augapesada, acondicionamento do cauce de auga, renovación de mobiliario coa instalación dun banco de pedra e instalación de iluminación atendendo a criterios de eficiencia enerxética co obxectivo de realzar a ponte. 

O conxunto dos traballos, segundo destacou a directora de Turismo de Galicia, permitiu recuperar un recurso turístico de primeira orde e mellorar o atractivo do Camiño Fisterra-Muxía neste punto, un Camiño que o ano pasado percorreron algo máis de 800 peregrinos que recolleron a Compostela, aos que se suman moitos outros que seguen camiñando despois de chegar á tumba do Apóstolo, ben en dirección á Fisterra ou ben cara o Santuario da Virxe da Barca.