Paridade, coeducación e corresponsabilidade reivindícanse nas Deputacións no día da Muller

Deputación de Pontevedra

Cunha acción central colectiva, coral, colaborativa e “creando redes”, onde as grandes protagonistas foron as traballadoras da Deputación de Pontevedra, e que se completou coa performance da trapecista Sue Moreno, poñendo o aceno na reivindicación da corresponsabilidade nos coidados, a Deputación celebrou hoxe o 8M na cidade de Pontevedra. 

O vestíbulo e a escalinata interior do Pazo mudaron nesta xornada á cor lila e, decorados coas potentes imaxes de mulleres da campaña deste ano, “Feminismo é conseguir a axenda da paridade”, e convertéronse no escenario desde o que a Deputación lanzou a súa emotiva e contundente mensaxe. Amais da presidenta provincial Carmela Silva e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o acto contou coa asistencia de deputados e deputadas, representantes municipais de distintos concellos, así como de colectivos de mulleres, culturais e veciñais.

Logo de rexeitar a infrarrepresentación das mulleres que segue a existir en todos os eidos, o manifesto elaborado por Retamozo incidiu tamén en que “a paridade ten que vir da man dunha revolución dos coidados, da corresponsabilidade como norma e non como honrosa excepción” e propuxo como resposta “a coeducación”. 

Deputación da Coruña

A deputada de Igualdade, María Muíño encabezou o acto institucional do 8M da Deputación da Coruña, co que dá inicio a campaña 'Mobilizadxs xti', e que tivo lugar no hall do Teatro Colón. Precisamente nun lateral do edificio, permanece colgada unha gran lona coa imaxe da campaña que inclúe algúns dos datos máis relevantes que dan conta da situación de desigualdade que sofre actualmente a muller galega: o 73% do emprego que se perdeu en Galiza foi entre mulleres; e o 87% das persoas inactivas por coidados en Galiza son mulleres.

A campaña 'Mobilizadxs xti', que durará todo o mes de marzo, inclúe a difusión de 10 vídeos para nos que participan mulleres e homes de diversos sectores e con distintas realidades: empresarias, científicas, técnicas especializadas en Igualdade, persoas con discapacidade, ou cooperativistas que traballan con persoas en risco de exclusión social

Deputación Lugo

A Deputación de Lugo elabora estes días na rede de Centros de Atención a Maiores a exposición As nosas mulleres e grava un documental audiovisual polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Dúas actividades nas que os usuarios e usuarias xunto co cadro de persoal levan traballando dende mediados de febreiro ata a inauguración da mostra, que se fará este martes. 

Un documental audiovisual co título Sen pelos na lingua onde as persoas que residen no centro expresan e afondan sobre a igualdade, roles de xénero, violencia machista e outros temas que afectan á desigualdades entre homes e mulleres. Esta produción proxectarase en todos os centros de maiores da rede provincial este 8-M para crear un momento de reflexión e debate arredor da temática. 


Deputación Ourense

A O foro "Emprendedoras, en feminino" e a edición do cómic "Mulleres en acción" son dúas das actividades organizadas pola Deputación de Ourense no marco do 8 de marzo, Día da Muller. A deputada de Igualdade, Luz Doporto, sinala a importancia do traballo das administracións públicas para avanzar na igualdade: "É clave, máis aínda nun día tan importante como o 8 de marzo. Debemos reivindicar a igualdade en todos os ámbitos e visibilizar ás mulleres que romperon teitos de cristal e que poidan ser exemplo".

A xornada "Emprendedoras, en feminino" celebrarase este martes, 8 de marzo, a partir das 17.30 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel. "Pretende poñer en valor ás mulleres ourensás que decidiron emprender e axudar, a todas as que pensan facelo. Para o emprendemento feminino e moi importante visibilizar ás emprendedoras, con traxectoria destacada neste eido", avanza Luz Doporto, que sinala o seu "orgullo por formar parte desta iniciativa da Deputación de Ourense, visibilizando e poñendo en valor o emprendemento en feminino".


Durante os acto celebrados  houbo unha lembranza especial para“a tremenda situación que están a vivir as mulleres de Ucraína.