Os GDR, axentes dinamizadores do agro e creadores de riqueza e emprego


Os grupos de desenvolvemento rural (GDR), que desempeñan un papel fundamental como xestores da medida Leader, durante o período 2014-2020, que establece o Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, foron aprobados preto de 1.500 proxectos ao abeiro desta iniciativa, cunha axuda pública de 71,5 millóns de euros. Con eles, conseguiuse consolidar 3.256 empregos e crear outros 933 novos postos de traballo.

Así o manifestou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, na sinatura dun convenio de colaboración entre a Universidade de Santiago (USC) e seis grupos de desenvolvemento rural (GDR) de diferentes puntos de Galicia que participan no proxecto Nó Rural.O acordo foi asinado polo reitor da USC, Antonio López, e polos presidentes dos GDR Seitura 22 (con sede en Ferrol), Mariñas Betanzos (Abegondo), Terra Chá (Vilalba), Comarca de Lugo (Friol), A Limia Arnoia (Xinzo de Limia) e Galicia Suroeste Eurural (Mos).

O obxectivo do acordo é facilitar un marco de actuación conxunto en actividades culturais, científicas, pedagóxicas e de investigación, ao abeiro da devandita iniciativa Nó Rural. Este proxecto ten como finalidade fundamental a de facilitar o retorno e a inserción laboral da xuventude nas zonas rurais, dinamizando así a economía destas áreas e fomentando a innovación.

Neste contexto, Inés Santépuxo en valor o labor dos diferentes GDR a prol da dinamización do agro e, máis concretamente, do emprendemento e da empregabilidade, facendo de “verdadeiras pontes” de comunicación entre a mocidade do rural e as empresas desas zonas.