A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (AGAMIN) denuncia a gravidade da situación que está a provocar a folga de transportes no funcionamento da industria. Desde as empresas do sector, comunicáronse as diferentes incidencias ante a ausencia duns servizos mínimos que garantan que se vaia dando saída a parte da mercadoría que se atopa almacenada nas diferentes plantas envasadoras.
A folga está a pór nunha situación moi complicada á industria envasadora, que podería parar a produción ante a imposibilidade de dar saída aos produtos. Isto leva, á súa vez, que se estean a producir os primeiros problemas de abastecemento nos mercados. Así, as consecuencias da folga de transportes poderían obrigar a moitas empresas a iniciar expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), xa que se está a ver seriamente afectada a súa capacidade de produción, ata o punto de ter que decidir parala.
O xerente da Asociación, Benigno Amor, amosa a súa inquedanza ante a situación que están a atravesar as empresas do sector. “Solicitamos que, desde a Delegación do Goberno en Galicia, trasladen a nosa preocupación aos Ministerios de Agricultura, Interior e Transportes para que traten de alcanzar unha solución urxente cos convocantes desta folga, para evitar desabastecementos dos mercados e que nos vexamos obrigados a paralizar a actividade da nosa industria”.