O novo mapa de xeodestinos de Galicia pasa de 14 a 26


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou na sesión do Consello de Turismo de Galicia que tivo lugar no Consello Económico e Social de Galicia, en Santiago de Compostela, entre outros asuntos, o novo mapa de xeodestinos de Galicia, que pasa de 14 a 26, co obxectivo de seren máis eficientes no desenvolvemento turístico de todos os territorios. 

O Consello informou favorablemente para a declaración de novas Festas de Interese turístico de Galicia, ademais de dar conta da evolución do plan director de turismo vixente e dos plans de sustentabilidade turística ordinaria que se están desenvolvendo, entre outros puntos da orde do día. Do mesmo xeito tamén se constituíron tres comisións de traballo para darlle continuidade á actividade deste foro consultivo do sector turístico galego. 

“Despois dunha década de funcionamento dos xeodestinos consideramos que era precisa unha reestructuración dalgún deles para garantir o bo funcionamento desta ferramenta”, explicou a directora de Turismo de Galicia. Con este obxectivo, propúxose unha reformulación, especialmente no sureste da comunidade, que conta coa aprobación dos concellos afectados, atendendo así ás observacións que foron achegando os entes e concellos. “O obxectivo final é fortalecer a competitividade do turismo galego e o seu posicionamento como sector clave na economía galega a través do desenvolvemento de todos os territorios das catro provincias, permitindo facer efectivo o noso Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro”, explicou Nava Castro.

Atendendo a esta reformulación, O Consello informou favorablemente sobre 26 xeodestinos. 

Na provincia da Coruña son os seguintes: Ferrolterra, As Mariñas, Costa da Morte, Terras de Santiago, Terras da Comarca de Ordes, Ulla-Tambre-Mandeo, Ría de Muros-Noia e Barbanza-Arousa.

Na provincia de Pontevedra os xeodestinos son: Salnés, Mar de Santiago, Terras de Pontevedra-Morrazo, Ría de Vigo-Baixo Miño, Condado de Paradanta e Deza-Tabeirós.

Na provincia de Lugo os xeodestinos son: Mariña Lucense, Terra Cha, Comarca de Lugo-Terras de Ulloa, Ancares-Terras de Burón e Courel.

Os xeodestinos restantes afectan a territorios das provincias de Lugo e Ourense: Ribeira Sacra, Ribeira-Carballiño, Celanova-Terras de Xurés, Allariz-Maceda, A Limia, Verín-Monterrei e Trevinca-Valdeorras. 

Precisamente a evolución deste plan director, a folla de ruta que establece os obxectivos de reactivación e transformación do sector turístico no horizonte 2023 tamén formaron parte da sesión no Consello Galego de Turismo, ao que se deu conta dos avances realizados no primeiro ano de actuación. 

Do mesmo xeito, o Consello tamén tivo coñecemento da situación e grao de execución dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino que se están a executar en Galicia correspondentes ás convocatorias ordinarias de 2020, que é o caso do PSTD do Concello de Santiago, e da de 2021, concedida ao proxecto presentado pola Ribeira Sacra. Ambos comparten o cofinaciamento entre a Xunta, o Goberno central e as entidades locais (Concello e  Consorcio Turístico da Ribeira Sacra, respectivamente) e suporán un investimento no territorio de 3 millóns de euros, no caso de Santiago, e de 2 millóns no caso da Ribeira Sacra, co obxectivo compartido de acelerar a transformación destes territorios en destinos competitivos baseados na sustentabilidade, a cogobernanza e a modernización do tecido turístico. 

Festas de Interese Turístico de Galicia

Na reunión do Consello tamén se informou favorablemente da posibilidade de sumar novas festas de interese turístico de Galicia, que reúnen os criterios de singularidade, antigüidade, promoción e arraigamento que se lle solicitan para obteren esta distinción. As propostas presentadas e aprobadas inicialmente no Consello terán que ratificarse a través do Consello da Xunta para pasar a formar parte do conxunto de festas de interese turístico coas que xa conta Galicia e que contribúen a por en valor a cultura e as tradicións populares constituíndo tamén un atractivo turístico de indubidable valor. 

Balance anual

Durante a sesió, ademais, este foro participativo dos axentes públicos e privados do eido do turismo galego fixo balance sobre a situación do turismo en Galicia, que rematou o ano cunha recuperación da demanda turística 22 puntos por riba da media nacional, con máis de 4,2 millóns de viaxeiros e preto de 9 millóns de noites nos establecementos turísticos regrados polo INE. Finalmente tamén se deu conta da evolución dos plans nos que se investirán os fondos europeos destinados a Galicia a través do Plan Xacobeo Next Generation 21-22 e do Plan Litoral 2021-2023, que suporán un investimento conxunto no noso territorio de 68,5M€.