O novo albergue A Laxe de Vilasantar estará operativo en Semana Santa

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, comprobou o remate das obras do novo albergue A Laxe de Vilasantar, que estará operativo en Semana Santa. Na súa visita incidiu na aposta do Goberno galego por reforzar a rede pública con novas infraestruturas de acollida aos peregrinos ademais de mellorar os existentes. 

Tamén sinalou que actuacións como esta rehabilitación da antiga casa reitoral de A Laxe son un exemplo do traballo da Xunta para poñer en valor e darlle unha nova vida con novos usos a edificios emblemáticos do patrimonio cultural. 

Destacou que a apertura coincide co inicio da tempada  alta do Xacobeo, polo que confía en que este ano sexa o despegue do Camiño de Santiago a nivel internacional coa chegada de peregrinos de todo o mundo porque “Galicia e o Camiño son o mellor refuxio en tempos de incerteza”. Así lembrou que xa o ano pasado a peregrinación a Santiago superou todas as expectativas con case 180.000 Compostelas, case 9.600 de peregrinos procedentes do Camiño do Norte. 

O albergue de peregrinos A Laxe ofrecerá 30 novas prazas aos peregrinos do Camiño do Norte distribuídas en dúas plantas, ademais dunha edificación auxiliar con outros servizos como lavadoiro, tendal ou cuarto para bicicletas. Coa incorporación o pasado outubro do albergue de Sobrado dos Monxes e este novo de Vilasantar, esta ruta pasa a contar con 10 infraestruturas a disposición dos peregrinos cun total de 405 prazas. 

Ambos son ademais resultado da restauración de edificios de elevado valor patrimonial e do compromiso da Xunta no seu coidado e conservación como é o caso do Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes ou da Casa Reitoral da Vilasantar para acoller os dous últimos albergues postos en marcha no Camiño do Norte. 

A Xunta continúa así a completar a rede pública de albergues que actualmente conta con 72 inmobles e co obxectivo de acadar os 78 neste Xacobeo 21-22. Así, para este ano están previstas tamén as obras de construción de 3 novos albergues na Vía da Prata coa rehabilitación do mosteiro de Oseira en San Cristovo de Cea e novas instalacións nos concellos de Piñor e Riós, así como a reforma do Pazo de Diomondi de O Saviñao no Camiño de Inverno e novo albergue no espazo da Casa do Mar de Ferrol nun dos puntos de saída do Camiño Inglés. Tamén se sumaría outro na Coruña se o concello cede os terreos e decide sobre a súa localización. 

Ademais, prevese un investimento de 2,5 millóns de euros en actuacións de mellora e conservación da rede de albergues públicos, un investimento similar ao do ano pasado co  que se levaron a cabo melloras en 28 inmobles de sete itinerarios, catro deles -Gontán, Lourenzá, Mondoñedo e Ribadeo- no Camiño do Norte.  

Alfonso Rueda incidiu no traballo da Xunta para contar cun Camiño Seguro e ofrecer a mellor imaxe de Galicia a turistas e peregrinos co acondicionamento das rutas e dos albergues. Por iso, a Xunta xa está a redactar o novo Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027 que dará continuidade ao anterior para o período 2015-2021 no que se investiron 67 millóns de euros.  

No Camiño do Norte as labores de acondicionamento nos últimos anos supuxeron un investimento de 3,7 millóns, aos que se suman outros 780.000 euros neste ano para tarefas de mantemento e conservación.