O GALP Golfo Ártabro Sur, pioneiro no Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais

Coa proclamación de 2022 como Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA), a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO, pola súas siglas en inglés) pide o apoio para os pescadores artesanais a pequena escala, os acuicultores e a xente do mar xa que, co seu traballo, contribúen en gran medida ao benestar humano, á recuperación dos sistemas agroalimentarios e á erradicación da pobreza. Con esta conmemoración, a FAO tamén pretende xerar un impulso mundial para emponderar a estes sectores e asegurarlles un futuro sostible.

Plenamente conscientes desta realidade, xa que unha importante porcentaxe da actividade económica do territorio do GALP Golfo Ártabro Sur está centrada no sector primario do mar e na pesca artesanal, en particular, a entidade decidiu sumarse de cheo á celebración desta efeméride para deixar constancia da súa importancia económica, social, cultural e medioambiental na zona. 

Deste xeito, a súa axenda de actividades e accións institucionais para 2022 estará centrada no Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA). O GALP Golfo Ártabro Sur é, ademais, o primeiro GALP de España en participar na efeméride coa publicación dunha serie de vídeos divulgativos sobre artes de pesca artesanais na axenda de eventos FAO, que se pode consultar na web https://www.fao.org/artisanal-fisheries-aquaculture-2022/events/events-list/en/.

O vídeo sobre a pesca con liña inaugurou o mes de xaneiro, febreiro estivo dedicado ao curricán e en marzo, o palangre será o protagonista. A serie seguirá con outros vídeos curtos para dar a coñecer á poboación como funcionan as nasas, o marisqueo a pé e a flote, as redes das volantas, os trasmallos, o cerco ou a rapeta, entre outras artes. 

Tradución ao galego do logo AIPAA

Como primeiro paso, e para reforzar o compromiso con esta efeméride, o GALP Golfo Ártabro Sur solicitoulle á FAO a adaptación e tradución do logotipo oficial do AIPAA ao galego, que xa se emprega en todos os seus soportes audiovisuais.

Na Axenda da Pesca Artesanal para 2022 do GALP Golfo Ártabro Sur tamén se incluirán actividades para difundir nos colexios e institutos do territorio a importancia do relevo xeracional do sector do mar. Ademais, amosaráselles aos máis pequenos e aos rapaces de diversidade funcional como se traballa nas lonxas, así como as principais especies que son capturadas mediante a pesca artesanal. Ao longo deste ano, seguiranse publicando na web e nas redes sociais diferentes receitas con peixes e mariscos capturados polos barcos de proximidade, principalmente con aqueles de menor valor comercial, para dalos a coñecer e promover o seu consumo.

Así mesmo, o calendario de mesa do GALP Golfo Ártabro Sur para 2022 tamén está centrado nas artes de pesca artesanais.

Relación cos ODS

O Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA) ten un impacto directo para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) para 2030, en particular o ODS 14.b (Facilitar o acceso dos pescadores artesanais a pequena escala aos recursos mariños e aos mercados). Ademais, como este ano queda dentro do Decenio das Nacións Unidas da agricultura familiar (2019-2028), ambas as dúas celebracións reforzaranse mutuamente dando maior visibilidade aos pequenos produtores.

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Sur é entidade colaboradora da Consellería do Mar para a xestión de axudas ao abeiro da EDLP financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (85%) e Consellería do Mar (15%). O seu territorio de actuación son os concellos de Arteixo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Oleiros, Sada e Bergondo.