O Consorcio de Turismo e A Coruña Convention Bureau afinan a estratexia MICE para este 2022


O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña e o A Coruña Convention Bureau mantiveron este xoves unha reunión de traballo para establecer as bases da estratexia de eventos MICE para este 2022 após a aprobación dos orzamentos do Concello da Coruña para este ano.

A reunión, encabezada polo concelleiro de Turismo do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego, serviu tamén de presentación do novo xerente do A Coruña Convention Bureau, Álvaro Lens. Nela estiveron presente o xerente do Consorcio de Turismo, Moisés Jorge Naranjo; e tamén o presidente de Hospeco, Agustín Collazos, o presidente do A Coruña Convention Bureau, José Blanco, ademais das directoras de Palexco, ExpoCoruña e a OPC Océano Azul, membros do padroado do A Coruña Convention Bureau.

O presidente do Consorcio de Turismo, Juan Ignacio Borrego, salientou a urxencia da colaboración entre os dous entes turísticos da cidade. "Queremos abrir as portas para que todo o sector empurre o turismo na cidade", indicou.

Nesta reunión tamén se tratou a presentación da Coruña ao Plan de Sustentabilidade do Ministerio de Turismo neste 2022, así como diversos eventos que acollerá a cidade, entre eles a asemblea do Spain Convention Bureau que traerá á cidade herculina a representantes institucionais e técnicos de máis de 50 entidades turísticas de toda España.