Melloras no tránsito peonil de peregrinos no Camiño do Norte

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, co alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero, o convenio de colaboración entre o Goberno galego e o municipio para a mellora da seguridade viaria peonil na antiga N-634, que conta cun orzamento de preto de 262.000 euros bianual. Ao acto tamén acudiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. 

O último tramo da antiga N-634, de titularidade municipal e destinada ao tránsito de vehículos, é o treito inmediatamente anterior á entrada na zona urbana de Mondoñedo. Forma parte da ruta do Camiño do Norte e ante a carencia de  beirarrúas, beiravías e iluminación pública, requiría levar a cabo as actuacións necesarias para garantir unha mobilidade segura tanto de veciños como de peregrinos desta ruta xacobea. 

Alfonso Rueda explicou que o con esta colaboración preténdese converter esta antiga estrada nun Camiño Seguro. Para acadar este obxectivo realizáranse neste tramo traballos na ampliación da explanada, nas canalizacións de drenaxe, no alumeado e na pavimentación das beiravías e beirarrúas.

Actuacións coma esta destinadas á mellora da seguridade viaria nas distintas rutas xacobeas alíñanse cos obxectivos e obras realizadas no marco do Plan Director dos Camiños de Santiago, que desde 2015 permitiu destinar 67M€ á conservación dos trazados e á mellora da súa sinalización, xunto coa posta en marcha de novos albergues da rede pública e a mellora dos existentes. 

No Camiño do Norte o acondicionamento nos últimos anos da ruta con traballos de mantemento, roza e limpeza supuxeron un investimento de 3,7M€, aos que se suman outros 780.000 euros neste ano para estas tarefas. 

O vicepresidente primeiro avanzou que a Xunta xa está a traballar no novo Plan Director que marque a folla de ruta ata 2027 co obxectivo de continuar a ofrecer aos peregrinos a mellor imaxe de Galicia. Nesta liña, puxo como exemplo que este ano o Goberno galego seguirá a completar a rede pública de albergues con 6 novas infraestruturas en Vilasantar (Camiño do Norte), en O Saviñao coa reforma do Pazo de Diomondi (Camiño de Inverno), e nas instalacións da  Casa do Mar de Ferrol (Camiño Inglés), xunto con tres albergues na Vía da Prata coa rehabilitación do mosteiro de Oseira en San Cristovo de Cea e novos edificios de acollida aos peregrinos en Piñor e Riós. 

Deste xeito, a rede pública pasaría a contar con 78 albergues neste Xacobeo aos que se sumaría outro na Coruña se o concello cede a parcela. No Camiño do Norte, unha vez rematadas as obras de rehabilitación da Casa Reitoral de Vilasantar, ás que a Xunta destinou 737.800 euros para crear un albergue de 30 prazas, a ruta pasará a contar con 10 albergues da rede pública cun total de 405 prazas. 

O Camiño do Norte foi recoñecido en 2015 como Patrimonio de Humanidade pola UNESCO, o máximo recoñecemento que pode recibir un ben cultural. Das case 180.000 Compostelas seladas o ano pasado, case 9.600 corresponden a peregrinos que transitaron por esta ruta. Por iso, o vicepresidente primeiro confía en que este 2022 sexa o despegue do Camiño de Santiago a nivel internacional coa chegada de peregrinos de todo o mundo que ata agora, debido ás restricións de mobilidade pola pandemia do coronavirus, non puideron camiñar a Galicia para desfrutar deste Ano Santo Dobre.