Love Rías Baixas , o fío conductor do evento anual da Deputación


“Temos demostrado unha grande fortaleza para enfrontarnos a retos que nin imaxinábamos”. Con estas palabras, unha emocionada Carmela Silva enxalzou o destino turístico de Rías Baixas na esperada Gala Provincial de Turismo, na gran noite do turismo en Galicia, conducida pola actriz Jazmín Abuín. A presidenta da Deputación, xunto ao alcalde de Vigo Abel Caballero, alcaldesas e alcaldes e representantes do sector turístico, da cultura e da sociedade da provincia déronse cita esta tarde nun ateigado Mar de Vigo no que se concentraron preto de 350 persoas para enxalzar a “forza”, a “maxia” e a “capacidade” do destino Pontevedra Provincia. No sorprendente evento audiovisual, no que o público vibrou coa música de Tanxugueiras e co espectáculo de vertixe, de son, iluminación e acrobacias de Pablo Méndez, presentouse a campaña “Love Rías Baixas”, nomeouse á Ruta do Viño Rías Baixas como nova embaixadora da provincia e entregáronse os distintivos SICTED ás 163 novas empresas de 27 concellos que veñen de conseguir esta acreditación de calidade.


“Temos un lugar privilexiado, con moitas potencialidades para responder ás novas demandas turísticas, á vangarda da dixitalización e cohesionado, recoñecido, ben coidado e promocionado, con atención de calidade, interconectado, moderno e competitivo” presumiu Carmela Silva enriba dun espectacular escenario, con pantalla curva de 17 metros de longo na que se visualizaron os atractivos turísticos que fan única á provincia. Precisamente por todos estes motivos asegurou que “estamos en boa posición para ser unha referencia turística a nivel galego, estatal e internacional. Temos forza para seguir crecendo e capacidade para facelo”. A presidenta resaltou a “fortaleza” do destino e afirmou que “seremos capaces de superar as dificultades para seguir sendo un sector forte e con garra, traballando xuntas e xuntos para tomar medidas que permitan superar as incertezas, os temores, a inflación ou os gastos enerxéticos que dificultan o progreso económico”. Carmela Silva non esqueceu o contexto no que se atopa o mundo ante a invasión de Ucraína. “Mantemos unha forma de estar no mundo onde a hospitalidade vénnos de nacemento –recordou a presidenta para facer chegar a solidariedade da provincia ao pobo ucraíno-. A campaña “Love Rías Baixas” leva por símbolo un corazón que representa os nosos valores como pobo aberto, acolledor e solidario. As mulleres e homes de Ucraína contan co noso apoio. Desexamos que máis pronto que tarde poidan reconstruír a súa vida en paz”. Foi nese momento cando o corazón vermello de “Love Rías Baixas” transformouse na pantalla nun grande e vibrante corazón coas cores azul e amarelo da bandeira ucraína.

Na súa intervención, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, tamén presumiu de recursos turísticos e lembrou dende o Nadal ata as “Illas Cíes, a festa da Reconquista, as festas, gastronomía, o desenvolvemento cultural, cidade de cor, un Vigo distinto”. Abel Caballero remarcou que a cidade “estase constituíndo no proxecto de turismo emerxente máis importante de Europa” e amosou a vontade de “seguir implicándonos para atraer máis e máis visitantes á cidade. Vigo é xa unha grande cidade turística e esta é a pata económica que nos faltaba”. 

As actuacións de Tanxugueiras e Pablo Méndez Peformance

O carisma e o desafío á gravidade de Tanxugueiras e Pablo Méndez Performance, respectivamente, marcaron o evento. Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío, xunto a Iago Pico e Isaac Palacín, que recordaron a estreita relación entre o grupo e a Deputación -que leva apostando e contando con elas dende fai tempo a través do seu programa Musigal- foron as encargadas de abrir coa peza “Midas” nunha Gala na que tamén interpretaron “Figa” e o himno “Terra”, que puxo o colofón ao evento ante un auditorio entregado. 

Sen alento deixou tamén ao público o espectáculo de Pablo Méndez centrado na auga como fío argumental para poñer en valor o mar, as rías e ríos da provincia e para cuxa montaxe foi necesaria unha grúa de máis de cinco metros. O equipo de Méndez burlouse das alturas con movementos acrobáticos e voos de media ducia de persoas sobre unha enorme burbulla –que emulaba unha gota de auga- e un gran paraugas suspendidos sobre o escenario,  mentres na pantalla se proxectaban imaxes do mar embravecido e pegadas nos ríos.

O éxito do destino Pontevedra Provincia é un traballo colectivo

Xunto aos recursos do destino, o sector turístico tivo tamén un papel fundamental na Gala, cun audiovisual propio para “enxalzar o seu bo facer”. O evento foi todo un recoñecemento á súa calidade. “O éxito deste destino é un traballo colectivo -remarcou a presidenta- e nós somos a provincia con máis distintivos SICTED de España”. Neste contexto, foron galardoadas as 163 entidades que acadaron este ano o diploma de calidade do SICTED e aproveitouse para poñer en valor a súa profesionalidade, “clave na experiencia das viaxeiras e viaxeiros e que con máis de 300 empresas da provincia adheridas supuxo que Rías Baixas fose escollido en Fitur como o mellor destino de calidade de todo o Estado”. 

Amais, durante a Gala, a Deputación tamén nomeou nova “Embaixadora Rías Baixas” á Ruta do Viño Rías Baixas, que obtivo en Fitur o recoñecemento á mellor Ruta de Viño de España. “Este ano –asegurou a presidenta- as nosas embaixadoras e embaixadores serán todas as empresas que forman parte da Ruta. Creo que é un xusto recoñecemento e que non poderíamos ter mellores representantes porque temos na provincia un potente sector do viño, moi internacionalizado, que soubo unir calidade con experiencias turísticas. Ideas así son as que nos fan avanzar”. O presidente da Ruta do Viño, Juan Gil, tamén incidiu no potencial do enoturismo “con enormes posibilidades de crecemento”. Cheo de orgullo agradeceu á Deputación este recoñecemento. “Estase a recoñecer o traballo de moita xente: adegueiras, viticultoras, concellos, museos, restaurantes e hoteis. A todas elas o meu agradecemento e felicitación”. Tamén aproveitou para recordar o traballo que desenvolve a diario a Ruta para “aumentar o número de visitantes, mellorar a calidade da oferta e atractivo das instalacións, a formación do persoal e crear un ambiente favorable ao desenvolvemento do turismo de calidade, o que permitirá impulsar un turismo atractivo, sostible e capaz de xerar riqueza e distribuíla entre a poboación do territorio no que nos asentamos”.

Love Rías Baixas

Na Gala proxectouse o audiovisual “Love Rías Baixas. Unha historia de amor coa provincia de Pontevedra”, co que a Deputación está a promover a provincia neste 2022. A través das e dos seus protagonistas Mari Hashimoto (de Osaka, Xapón), Kate Singer (de Chicago, EUA), Perret e Diego Ríos (de Santiago, Chile), Kevin Weatherill (de Rocher, Inglaterra), Virgina Gil (de Aranda de Duero, España), Daniela Savic (Eslovenia), Violeta Mi Tan (Shanghai, China) e Saliou Ndongo (Senegal), repasáronse diferentes recursos de Pontevedra Provincia.

Trala foto de familia coa presidenta da Deputación, as alcaldesas e alcaldes, empresas distinguidas co SICTED e representantes da Ruta do Viño, o broche de ouro á Gala Provincial de Turismo veu da man das Tanxugueiras  que con “Terra” pecharon o evento “nunha terra sen fronteiras”.