Jorge Gago e Rubén González, mellores cociñeiros DeTapas por Galicia

Jorge  Gago  (A  Maceta,  Santiago  de  Compostela)  e  Rubén  González  Vallejo  (El  Cafetín, Pontevedra)  son  os  mellores  cociñeiros  De  Tapas  por  Galicia  deste  2022.  Os  dous  xefes  de cociña  recibiron  os  premios  do  xurado  e  do  público,  respectivamente,  na  gala showcooking organizada  por  Turismo  de  Galicia  que  se  celebrou  esta  noite  no  Hotel  San  Francisco  de Compostela, á que foi convidada HGg&T

A  xornalista María  Solar  foi a encargada  de  conducir  o acto, ao  que asistiron a  directora  de Turismo  de  Galicia,  Nava  Castro;  e  o  delegado  da  Xunta  na  provincia  da  Coruña,  Gonzalo Trenor. 

No evento competían Jorge Gago, do restaurante A Maceta (Santiago); Daniel Bastos, do  restaurante  El  Italiano  Feo  (Vigo);  Gabi  Conde‐Corbal,  de  Portovello  (Ourense);  José  Luis Pardo  Baamonde  de  El  Boni  (Lugo);  Pablo  Fuentes,  de  La  Bodega  de  Estrella  (Ferrol);  Rubén González,  de  El  Cafetín  de  la  Alameda  (Pontevedra);  e  Álvaro  Victoriano,  de  Intenso Cocina Peculiar (A Coruña), gañadores dos concursos de tapas das sete maiores cidades. 

“Podemos presumir de grandes chef e grandes produtos”, dixo no peche do evento a directora de Turismo, Nava Castro, destacando a creatividade dos cociñeiros de Galicia. “Temos estrelas Michelin,  Soles  Repsol  e,  sobre  todo,  xente  que  sabe  combinar  a  cociña  tradicional  e  a innovación”.  “Síntome  orgullosa  cando  vou  fóra  de Galicia  de  presentar as  propostas  destes grandes profesionais que viven as 24 horas mimando a nosa gastronomía”, concluíu. 


Premio do Xurado 

A  proposta  de  Jorge  Gago  (A Maceta,  Santiago)  foi  a  gañadora  do  premio  do  xurado.  Foi  a única receita doce da noite, un Cheesecake actualizada a base de puré de framboesa e cereixa endurecido con pectina, sobre o que se deposita, nun molde, a crema da  torta de queixo do Cebreiro con pemento, nata e azucre. 

O galardón decidiuno un grupo de expertos en turismo e gastronomía  conformado  por  Cesáreo González  Pardal,  presidente do  Clúster  de Turismo  de Galicia; Áxel Smyth, chef do restaurante Auga e Sal, en Santiago de Compostela, recentemente distinguido  cunha  Estrela  Michelin;  Paco  Gómez,  xefe  de  cociña  do  restaurante  A  Feira,  en Ourense, elixido polo xurado profesional como Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia na gala celebrada  no  ano  2019;  Alejandro  Méndez,  xefe  de  cociña  do  restaurante‐arrozaría  Os Cachivaches, de Lugo, elixido polo xurado popular como Mellor Cociñeiro na mesma edición; e Ana Prieto, especialista en  fotografía gastronómica e  responsable, xunto a Marco Soriano de Tejada, do blog La Cocina es Vida, mellor blog desta temática en 2019 segundo Canal Cocina.

Premio do público

O  público  asistente  á  gala  galardoou  a  proposta  de  Rubén  González  Vallejo,  de  El  Cafetín (Pontevedra). A  proposta  de González é  unha  homenaxe ao mar. Mare Nostrum  semella  un pequeno  anaco  de  océano  contido  nunha  mínima  peixeira.  Baséase  no  mexillón  e  o berberecho, acompañados por unha selección de algas e herbas mariñas .

O concurso De Tapas por Galicia busca promover a creatividade gastronómica, especialmente a  presentada en  pequeno  formato,  como elemento  dinamizador  do  turismo  urbano,  no  que cada vez máis os visitantes buscan un achegamento á cultura, ás tradicións e á innovación dos seus destinos tamén a través do padal. Os Camiños de Santiago foron o fío condutor da gala.