Apostar pola calidade como valor engadido e diferencial dun destino turístico co obxectivo de situalo nunha mellor posición no mercado global é un dos obxectivos comúns que a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou do traballo conxunto levado adiante pola Asociación de Desenvolvemento Rural Condado-Paradanta e o sector turístico do xeodestino da man da Xunta para posicionar este territorio como un destino turístico diferencial e de calidade.
Un traballo conxunto cuxos resultados puxéronse de manifesto na entrega das distincións ás 47 entidades e empresas que se acreditaron co compromiso de calidade no marco da II Gala de Calidade Turística do Xeodestino Condado Paradanta. A directora de Turismo de Galicia e no que estivo acompañada polo presidente da ADR Condado Paradanta, Juan Pablo Castillo e o alcalde do Concello de Mondariz-Balneario, José Antonio Lorenzo.
“A calidade dos establecementos, servizos e produtos turísticos convértese nun feito diferencial e proporciona unha vantaxe competitiva fronte a outros destinos con oferta similar”, explicou Nava Castro, quen destacou que o feito de incrementar os distintivos de calidade, como o SICTED nos destinos turísticos “redunda nunha mellora da imaxe do sector, pero tamén na mellora da confianza e da fidelidade dos turistas, un capital fundamental neste proceso de reactivación do turismo no que nos atopamos”.
Galicia conta actualmente con 11 destinos SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos) e cun total de 1014 empresas e entidades certificadas no marco desta metodoloxía impulsada polo Instituto para a Calidade Turística Española, o que os acredita como destinos cun nivel de calidade homoxéneo nos servizos ofrecidos ao turista que asume o compromiso de mellora e posta en valor continuada dos recursos turísticos do destino.