Garantir a saída de carne dos matadoiros e a chegada de pensos ás granxas

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo un encontro con representantes das industrias cárnicas para abordar a súa situación ante o paro do transporte. Alí, o conselleiro e as propias industrias demandáronlle ao Goberno central que identifique corredores seguros para garantir a saída de carne dos matadoiros e a chegada de pensos ás granxas, así como o abastecemento de cereais ás fábricas que producen estes compostos.

Ademais, os representantes sectoriais coincidiron en agradecer o labor da Xunta a prol deste eido produtivo, nun momento especialmente delicado polo incremento desbocado dos custos de produción que xa viña de tempo atrás e que se viu agravado pola invasión rusa de Ucraína e, máis recentemente, polo paro do transporte.

Nese senso, o titular de Medio Rural urxe ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación a que faga cumprir a Lei da Cadea Alimentaria , facendo efectiva a prohibición de venda a perdas. Asemade, o conselleiro insta, unha vez máis, ao Ministerio a que se reúna inmediatamente coa distribución, coa industria e coa gandaría para acordar unha suba dos prezos que están percibindo os produtores.

Canto ao Ministerio de Transportes, o titular de Medio Rural demandou de novo que se reúna canto antes coa plataforma que convocou o paro para desbloquear esta situación que -segundo dixo- está situando a cadea agroalimentaria galega en risco de parálise.

A maiores, José González insistiu na necesidade de levar a cabo outras actuacións, como a inmediata baixada de impostos dos carburantes e doutros insumos claves para o sector primario. Unhas demandas, insistiu, que percorreron as rúas de Madrid o domingo nunha manifestación multitudinaria a prol do rural.

O conselleiro sinalou que este encontro de hoxe co sector da carne súmase aos mantidos onte mesmo con gandeiros de vacún de leite de Mazaricos e con representantes das industrias lácteas. En ambos casos, estes axentes da cadea de valor coincidiron coa Xunta na necesidade de desbloquear a actual situación e en instar ao Goberno central a que actúe para garantir tanto a chegada de subministración ás fábricas como a saída de produto, co fin de asegurar tamén a recollida do leite nas granxas.

Apoio do Goberno galego

A Xunta aprobou a pasada semana un paquete de medidas para paliar as consecuencias da alza de prezos e para achegar liquidez ás empresas no ámbito das competencias autonómicas.

Así, o Goberno galego asumiu o compromiso de financiar o anticipo das axudas directas da Política Agraria Común (PAC), que os produtores adoitan cobrar en outono. En concreto, anticiparanse seis meses uns 200 millóns de euros de liquidez para os agricultores e gandeiros, subvencionando os xuros.

Doutra banda, contémplase a apertura de liñas de crédito para poder atender compras de circulante, por parte dos gandeiros, avaladas pola Xunta. Para esta operación, a Consellería do Medio Rural dispón dunha liña de avais para chegar ata os 25 millóns de euros de préstamos.