Esta fin de semana comeza a tempada das rutas en catamaráns pola Ribeira Sacra

A Deputación de Lugo pon en marcha esta fin de semana, coincidindo co día de San Xosé, a nova tempada das rutas en catamaráns pola Ribeira Sacra. Este servizo mantén os habituais percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao. A día de hoxe, son xa máis de 200 persoas as que reservaron viaxe para esta primeira fin de semana de funcionamento das rutas.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, recordou que este ano a institución provincial estrea páxina web para a adquisición e reserva das viaxes. “Trátase dunha páxina máis accesible e visual,  a través da que se poden coñecer todos os detalles precisos para programar unha experiencia en catamarán dunha maneira áxil para desfrutar ao máximo”, sinalou. 

García Porto animou á veciñanza a realizar unha destas viaxes que “dan a coñecer unha alternativa de ocio coa que poderán descubrir ou redescubrir unha paisaxe única, ademais de recursos patrimoniais vinculados ao románico”. Todas as persoas interesadas en coñecer as paisaxes da Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da institución provincial poden formalizar a súa reserva na web reservas.rutasembalses.es. Para máis información está dispoñible o teléfono 982.26.01.96,  de luns a domingo, en horario de 09:00 a 20:00 horas.  

Rutas e horarios

Na nova tempada mantéñense os dous percorridos cunha duración aproximada de 2 horas. No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros.  

Durante o mes de marzo, os catamaráns navegarán o sábado 19, o domingo 20 , do 23 ao 27 e os días 30 e 31, en horario de mañá e tarde. Nos próximos meses de abril e maio, as rutas  polo Canón do Sil serán de mércores a domingo e, con motivo da Semana Santa, haberá servizo de luns a venres do 11 ao 17 de abril, ao igual que a semana do 16 de maio, con motivo das Letras Galegas. Neste período, no caso de Cabo do Mundo, haberá viaxes as fins de semana, a semana completa do 11 ao 17 de abril con motivo da Semana Santa, e os días 16 e 17 de maio coa ponte das Letras Galegas. 

Na Ruta Canón do Sil en xuño, xullo, agosto e setembro haberá rutas todos os días, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día, a excepción da ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro. 

No caso da Ruta Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes de mércores a domingo con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e setembro o servizo funcionará durante toda a semana. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes do mércores ao domingo, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro.

Ambas rutas rematarán a temporada na ponte de decembro con viaxes diarios do 3 ao 11 de decembro.