Deputación de Pontevedra e Concello de Vigo destinan 600.000 euros para O Marisquiño


As administracións presididas por Abel Caballero e Carmela Silva destinarán este ano 600.000 euros para O Marisquiño, o festival que se celebra na cidade desde hai vinte anos e que este 2022 citará aos amantes dos deportes urbanos do 12 ao 14 de agosto.

O acordo entre o Concello e a Deputación foi ratificado este xoves na Xunta de Goberno Local, paso anterior á sinatura, tal e como informou Abel Caballero en rolda de prensa. O organismo provincial abona 180.000 euros ao Concello, que á súa vez engadirá outros 420.000 euros e serán transferidos, previo convenio, á organización de O Marisquiño.

Logo da irrupción da pandemia, a edición deste ano de O Marisquiño busca recuperar a fortaleza do evento, consolidalo e afianzar o seu crecemento. Segundo recordou o alcalde, Vigo recibiu no ano 2019 a máis de 1.300 riders procedentes dunha trintena de países dos cinco continentes.

Villa Laura

Abel Caballero deu conta dos principais asuntos tratados na Xunta de Goberno Local deste xoves, entre os que se atopa tamén a aprobación do proxecto de obras para construír unha cuberta no patio da Escola de Educación Infantil Villa Laura, na Avenida da Hispanidade.

Explicou o alcalde que o proxecto presenta un orzamento de 414.000 euros e un prazo estimado de catro meses de duración dos traballos. O Concello prevé cubrir o patio e o acceso ao mesmo desde o edificio no que se atopan as aulas, para que a zona de recreo poida ser empregada durante todo o ano, con independencia das condicións climatolóxicas.

O alcalde recordou que o goberno de Vigo está a acometer este tipo de obras nos colexios pese a ostentar a competencia na materia a Xunta de Galicia. Así, recordou que o investimento municipal é de “millóns e millóns de euros” e citou algúns xa finalizados, como as cubertas dos patios do Pintor Laxeiro, do García Barbón, do Canicouva, do Virxe do Rocío, do Castelao e do Carballal.

Ademais, o Concello está preto de concluír a construción da cuberta no CEIP Balaídos e traballa nos proxectos para cubrir as áreas de recreo dos colexios Javier Sensat e Frian-Teis, estes últimos cun orzamento estimado en 350.000 euros cada un.

Vigo Vertical

O goberno de Vigo tamén adxudicou este xoves o contrato do mantemento das ramplas mecánicas da Gran Vía. Caballero indicou que o orzamento ascende a 37.700 euros por un prazo de seis meses, prorrogables por outros dous períodos semestrais máis.

Este servizo vaise engadir ao que o Concello xa dispón para o resto dos elementos en funcionamento na cidade, como ascensores e escaleiras mecánicas. Ao efecto, a cidade reserva 83.000 euros anuais, segundo anotou. O consistorio vigués planificou os prazos para que ambos contratos finalicen á vez e poida licitar entón un único contrato que inclúa todo o Vigo Vertical.

Axudas de emerxencia

Por último, o alcalde informou da concesión de axudas de emerxencia desta semana, logo da reunión da comisión municipal. Caballero citou que foron entregados 159 apoios económicos por valor total superior aos 36.000 euros e, deste total, 105 foron para abonar pagos de aloxamento e alugueiros: "Estamos evitando ducias de desafiuzamentos desde a acción do Concello"