Conferencia Sectorial de Turismo entre o Ministerio de Turismo e as comunidades autónomas


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na Conferencia Sectorial de Turismo entre o Ministerio de Turismo e as comunidades autónomas presidida pola ministra Reyes Maroto. 

No encontro aprobáronse as bases da Estratexia de Sustentabilidade Turística en Destino 2022, que elixiu como prioridade a enogastronomía, coincidindo coa aposta fixada pola Xunta no segundo Plan Territorial para o período 2022-2025, que tamén se centrará, a través dos fondos europeos Next Generation, na fortaleza da cociña galega co obxectivo de situar a Galicia como destino enogastronómico de primeiro nivel. 

O Goberno galego, como xa fixo coa posta en valor do litoral galego no anterior Plan Territorial, identificou a enogastronomía como unha prioridade por considerar que é un dos recursos turísticos claves do modelo turístico galego. 

O novo Plan Territorial contará con 31,7 millóns de fondos europeos e a Xunta xa vén traballando nos proxectos tractores que se incluirán tanto nas Accións de Cohesión (ACD) promovidas pola Xunta como nos Plans de Sustentabilidade en Destino (PSTD) impulsados por entidades locais, tendo en conta que o prazo de presentación das propostas abarcará desde o 1 de abril ao 17 de maio. 

Nesta liña, desenvolverase no horizonte 2022-2025 coa posta en marcha de actuacións transformadoras en diferentes territorios que nos permitan avanzar na transición verde, na mellora da eficiencia enerxética e na mellora da innovación na cociña, da competitividade nos ámbitos de influencia dos territorios vitivinícolas e aqueles vencellados con outros produtos gastronómicos. 

O Plan Territorial de Enogastronomía súmase ao anterior Plan Territorial do Litoral, a través do que Galicia conta con 29,3 millóns de euros de fondos Next Generation para levar a cabo tres ACD co obxectivo de revalorizar os recursos da costa galega e apostar por un destino náutico, xunto con 10 PSTD de entidades locais. 

No encontro de hoxe tamén se incidiu na necesidade de xerar confianza no actual escenario afectado pola crise internacional, unha estratexia na que a comunidade galega foi pioneira coa campaña Galicia destino seguro.

Por outra parte, aprobouse a distribución dos fondos europeos destinados á financiación de proxectos de eficiencia enerxética en establecementos turísticos, dos que Galicia recibirá 7,8 millóns de euros.