Concellos galegos productores de leite instan á ministra de Transportes pola folga

Unha vintena de concellos galegos con alta produción láctea e cinco organizacións agrarias veñen de asinar senllas cartas promovidas pola Consellería do Medio Rural para instar á ministra de Transportes a que se reúna cos convocantes do paro que leva días afectando o sector primario. En concreto, como medida que consiga un desbloqueo inmediato da situación, piden que se abra unha liña de diálogo cos transportistas que, no caso da nosa comunidade, son pequenos e medianos empresarios que se encontran -segundo se sinala en ambas misivas- nunha situación insostible derivada da alza dos prezos dos combustibles.

Canto aos concellos asinantes, trátase dos coruñeses de Mazaricos, Santa Comba, Frades, Trazo, Mesía, Curtis, Touro e Tordoia; dos lugueses da Pastoriza, Castro de Rei, Sarria, Cospeito, Guntín, Chantada, Taboada, Palas de Rei e Portomarín; e dos pontevedreses de Lalín, Rodeiro e Silleda. Forman parte do grupo de 25 municipios da comunidade nos que se recollen máis de 100.000 litros de leite ao día. Ao respecto das organizacións agrarias, son Unións Agrarias, o Sindicato Labrego Galego, a Federación Rural Galega (Fruga), a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) e a Asociación Agraria de Galicia (Asaga).

En ambas cartas, os asinantes amosan a súa preocupación polas consecuencias que está a ter na actividade dos gandeiros galegos o paro do transporte. Nestes momentos, aseguran constatar dificultades de abastecemento de materias primas nas fábricas de pensos, empresas que non están recollendo o leite das granxas ou que a maioría das industrias agroalimentarias galegas non poden sacar o seu produto terminado cara á distribución. Se a situación actual persiste, segundo engaden nas misivas, existe un risco claro de colapso da totalidade do sector primario galego. Por iso, demandan medidas de protección que palíen unha situación que se vén agravando, din, desde a inasumible suba de custos de produción que comezou en 2021.

En concreto, os concellos e organizacións que subscriben as misivas reclaman que -mentres non se desbloquee a situación a través do diálogo ao que instan á ministra de Transportes- se traslade ao delegado do Goberno en Galicia a necesidade de establecer corredores seguros que garantan os servizos esenciais no noso agro.

Así, nas cartas reclámase o transporte do leite desde as explotacións ás industrias lácteas, así como o dos produtos elaborados nelas cara ás empresas de distribución. En paralelo, úrxese á entrada nas fábricas das materias primas e consumibles necesarios para os seus procesos produtivos. Nese senso, recalcan que hai industrias lácteas que suspenderon a recollida de leite por non poder sacar a súa produción das fábricas e ter completada a súa capacidade de almacenamento, ou por falta de materiais para os seus procesos produtivos.

A maiores, nas cartas refírense ao transporte de cereais e do resto de materias primas de alimentación animal desde os portos ás fábricas de pensos e cara ás explotacións, tendo en conta ademais que as granxas intensivas avícolas, cunícolas e porcinas non contan con outra fonte de alimentación para o gando.

Máis aló do envío destas misivas, cabe engadir que o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, manterá esta tarde un encontro con representantes das industrias cárnicas para abordar a súa situación ante o paro do transporte. A reunión súmase ás mantidas onte mesmo con gandeiros de vacún de leite de Mazaricos e con representantes das industrias lácteas. En ambos casos, estes axentes da cadea de valor coincidiron coa Xunta na necesidade de desbloquear a actual situación e en instar ao Goberno central a que actúe para garantir tanto a chegada de subministración ás fábricas como a saída de produto, co fin de asegurar tamén a recollida do leite nas granxas.