Cerdedo-Cotobade retoma a Festa do Petote


O Concello de Cerdedo-Cotobade recupera a celebración da Festa do Petote despois do parón obrigado pola pandemia da Covid-19 e rexurde con novos folgos impulsada pola participación dunha ducia de bares e resturantes que ofrecerán, o domingo 20 de marzo, un completo cocido por 20 euros no que este popular preparado artesanal a base de millo será o protagonista indiscutible.

A xornada festiva da XII Festa do Petote iniciarase ás 11:30 horas da mañá cun pasarrúas a cargo da charanga “Mekanika Rolling Band” que amenizará tamén a degustación popular do Petote que terá lugar ás 12:30 horas na Praza da Chan.

O alcalde, Jorge Cubela, salientou e agradeceu a forte implicación da hostalería local neste evento que fai que na recuperación da Festa do Petote participen unha ducia de establecementos que ofertarán ao público, baixo reserva, un menú completo por 20 euros por persoa a base do tradicional cocido aderezado co Petote, ademais de bebida e postre.

Os establecementos hostaleiros colaboradores desta edición son Casa Inés (Carballedo), A de Tucho (Augasantas), Casa Blanco (Rebordelo), A Vosa Taberna (Borela), O Novo Chiringuito (Valongo), Casa Perdiz (Augasantas), Bar Obélix (Tenorio), Café Bar Tenorio (Tenorio), A Casa de Ángel (Tenorio), O Castiñeiro (Pedre), Bar Davi (Quireza) e O Meu Lar (Cerdedo).

O Petote é un pequeno bolo de fariña, millo e algo de centeo amasado na auga do caldo e cocido nese propio elemento. Sírvese despois como acompañamento do cocido, especialmente da cacheira, que ten prato propio xunto coas patacas e o chourizo.

A presentación na mesa soe ser en rodaxas e concebíase como un substitutivo do pan en tempos de escasez. O Petote, chamado noutros sitios Petelo, Bolo do Pote e Bolo do Cocido é un dos elementos gastronómicos fundamentais do cocido do entroido xunto coa costela, chourizos ceboleiros, patacas, verzas e cacheira.