Arnoia contará cun albergue do Camiño Miñoto Ribeiro e unha proba internacional de "paddle-surf"


O presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse en Arnoia co alcalde deste municipio, Rodrigo Aparicio, avanzando a implicación da institución provincial en varios proxectos propostos polo rexedor e que están enfocados na mellora dos servizos públicos dos veciños e no impulso do potencial deportivo e turístico do municipio. 

Manuel Baltar resalta a importancia da coordinación interadministrativa para progresar nestas actuacións municipais: "A cooperación entre Concello e Deputación permitirá desenrolar novas infraestruturas viarias, de abastecemento de auga, no eido turístico ou no deportivo". 

Entre os proxectos que trasladou Rodrigo Aparicio a Manuel Baltar e que contarán co soporte da Deputación de Ourense destaca a reforma da antiga escola para convertela en albergue do Camiño Miñoto Ribeiro, dentro da estratexia de promoción desta ruta xacobea. Tamén a humanización do entorno da capela de San Mauro e a mellora na rede de saneamento en A Ponte.

Ademais, a Deputación colaborará coa organización dunha proba internacional de "paddle-surf". "Impulsaremos a posta en marcha deste evento nas augas do Arnoia -sinala Manuel Baltar-. Unha competición integrada perfectamente na programación de eventos da Deputación, máxime nun ano como este no que celebramos o bicentenario da institución e que queremos poñer en releve as actividades deportivas vencelladas coa auga. Porque Ourense ten termalismo pero tamén unhas láminas de auga especiais para celebrar probas deportivas de primeiro nivel".

A Deputación tamén estudará a posibilidade de firmar un convenio de colaboración para a instalación de herba artificial no campo de fútbol de A Queixeira. Este acordo estaría sufragado a partes iguais entre a institución provincial, Xunta de Galicia e Concello de Arnoia.Despois do encontro de traballo, Manuel Baltar visitou en Arnoia as obras que se están realizando na rúa do Pazo co apoio económico da Deputación acompañado polo alcalde, Rodrigo Aparicio; o concelleiro Francisco Javier Sánchez e César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación e encargado dos asuntos de cooperación cos concellos do Ribeiro.

O alcalde, Rodrigo Aparicio, agradece o traballo da Deputación a prol dos concellosO rexedor de Arnoia, Rodrigo Aparicio, valora a implicación da Deputación de Ourense no día a día dos concellos: "Sempre están pendente de todos os municipios da provincia. Traballaremos arreo para que estes proxectos relativos a infraestruturas viarias, culturais ou deportivas salgan adiante. Agradecemos que Manuel Baltar sempre estea pendente de escoitar as demandas dos concellos do rural para despois levalas á realidade".